Trenor participou na apertura da III Xornada “A igualdade, un activo para a empresa” organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña

O delegado da Xunta na Coruña destacou que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes é, cada vez máis, un criterio que as empresas incorporan para proxectarse externamente e conseguir recoñecemento. Os beneficios que reporta esta dinámica son amplos: mellora a imaxe, capta novos mercados e atrae novo talento

A Coruña, 27 de outubro de 2022.-

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá, na apertura da III xornada “A igualdade, un activo para a empresa”. Na súa intervención destacou que con esta nova edición este encontro consolídase como unha excelente idea e como un vehículo ideal de posta en común de experiencias e coñecementos.

 

Neste senso, apuntou que “a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes é, cada vez máis, un criterio que as empresas incorporan para proxectarse externamente e conseguir recoñecemento. Os beneficios que reporta esta dinámica son amplos: mellora a imaxe ante a súa clientela, capta novos mercados e atrae novo talento”

 

Trenor subliñou que a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade aspira a promocionar a mellor versión das empresas e avanzar cara a unha Galicia máis social, económica e medioambientalmente responsable e unida. A nova Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, en tramitación na actualidade, introduce e senta as bases do concepto de benestar laboral, ao que se dedica un capítulo enteiro.

 

O reprentante do Goberno galego lembrou que a “O Goberno galego pon a disposición das empresas un paquete de ferramentas tecnolóxicas, cun sistema de autoavaliación orientado a que as empresas elaboren os seus plans de igualdade, que como sabedes, é xa obrigatorio para compañías de 50 ou máis empregados e altamente recomendables para o resto”.

 

Trenor rematou lembrando que “Galicia está a realizar unha aposta decidida pola conciliación, á que a consellería destinou 16 millóns de euros en 2022.

Imaxes relacionadas