A Xunta sinala a importancia de aplicar a perspectiva de xénero nos plans de seguridade e saúde laboral para seguir avanzando na igualdade de oportunidades

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na Coruña na xornada Avances na saúde laboral e condicións de traballo con perspectiva de xénero, organizada pola Asociación de Empresarios da Coruña (Aeco), co apoio da Xunta

Destacou que a Xunta desenvolve, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), diversas actuacións dirixidas á prevención de riscos laborais en sectores con alta presenza de mulleres

A Coruña, 27 de outubro de 2022

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe na Coruña, na xornada de prevención de riscos laborais Avances na saúde laboral e condicións de traballo con perspectiva de xénero, a importancia de aplicar a perspectiva de xénero nos plans de seguridade e saúde laboral para seguir avanzando na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Na súa intervención na xornada, organizada pola Asociación de Empresarias da Coruña (AECO), co apoio da Xunta de Galicia, Mancha destacou o labor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para concienciar ao tecido produtivo sobre a importancia de aplicar a perspectiva de xénero, non só nos plans de igualdade, senón tamén nos específicos de seguridade e saúde laboral.

Neste ámbito, lembrou que o Issga ten diversos estudos como o que se fixo con Fundamar para avaliar as medidas de protección que se deben aplicar na pesca e no marisqueo co obxectivo de ter en conta as características específicas das mulleres; o programa de protección da maternidade no ámbito laboral; ou a campaña Corta o risco químico, peitea con seguridade para a concienciación e integración da prevención do risco químico en salóns de peiteado e tratamentos de beleza.  O Instituto, tamén, leva a cabo xornadas de formación en prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero e obradoiros en sectores feminizados.

Avanzou, ademais, que o Instituto está a traballar no deseño dunha nova campaña dirixida aos sectores con alta presenza de mulleres. En concreto, anunciou que se porá en marcha unha iniciativa para alertar dos riscos laborais aos que se expoñe o persoal traballador dos centros dedicados á colocación de uñas permanentes e pestanas postizas, así como cursos de prevención de riscos laborais para coidadoras de persoas dependentes e de voz para teleoperadores.

Imaxes relacionadas