Arias participa na inauguración da exposición de Adace Lugo polo Día do dano cerebral

Lugo, 26 de outubro de 2022

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou na xornada de portas abertas e a inauguración da exposición Visión do DCA, que organizou a asociación Adace Lugo na súa sede con motivo do Día do Dano Cerebral Adquirido, que se celebra hoxe.

Arias manifestou o seu recoñecemento ao labor da asociación e ao traballo que realizan as persoas con dano cerebral adquirido para mellorar a súa calidade de vida e procurar unha vida autónoma, apoiados por coidadores, familiares e contorna social. O delegado lembrou que a Xunta traballa na elaboración dun proceso asistencial integrado para que os afectados por esta doenza poidan acceder a cada un dos niveis de atención e asistencia sanitaria e social que precisen para velar polo seu benestar. “A atención á discapacidade é un eixo prioritario de actuación para a Xunta”, apuntou Arias, que lembrou que a Consellería de Política Social destina este ano 141,7 millóns de euros a este fin.

No marco do Día do Dano Cerebral Adquirido, a Xunta e Ecoembes desenvolveron o pasado domingo no Anxo Carro a campaña solidaria Somos especiais, RECICLAMOS. Os envases reciclados durante o encontro entre o CD Lugo e o Burgos traduciranse nunha doazón económica para Adace.


Imaxes relacionadas