García Comesaña presenta a nova unidade de ensaios clínicos en fases temperás e garante o labor de excelencia dos investigadores galegos

Desde agora, Galicia conta con unha das 17 unidades de Ensaios Clínicos de Fases Temperás acreditadas, do conxunto 39 que hai en toda España

Os ensaios de fases temperás avalían a efectividade de novos fármacos e permiten o acceso a novas terapias de forma precoz

O Goberno galego integrará no sector público autonómico as tres fundacións de investigación sanitaria
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2022 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou esta mañá no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela a nova unidade de Ensaios clínicos en fases temperá do Instituto de Investigación Sanitaria da capital galega.

Desde agora, Galicia contará con unha das 17 unidades de Ensaios Clínicos de Fases Temperás, que posúen acreditación, do total das 39 que hai en toda España.

A certificación acadada aporta un valor significativo, xa que garante o labor de excelencia por parte dos investigadores. Así, esta excelencia materializase na consecución de avances pioneiros nos ámbitos da oncoloxía, a hematoloxía, ou a neonatoloxía.

Os ensaios clínicos con medicamentos son unha ferramenta clave na investigación clínica á hora de probar novos fármacos, previa autorización a súa comercialización. Neste senso, para demostrar a eficacia e seguridade dos medicamentos séguese un estrito protocolo de actuación e garántense unhas condicións de control e seguridade.

Por outra banda, os ensaios en fases temperás permiten, aos pacientes acceder a novas terapias dun xeito precoz.

En cifras, o Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela rexistra na actualidade 700 ensaios clínicos activos, dos que 147 se iniciaron en 2021 e un 30% son ensaios clínicos pertencente a fases temperás.

A Unidade de Ensaios clínicos sitúase no andar -1 do Hospital Clínico de Santiago e conta cunha consulta médica, hospital de día e un sistema de monitorización continua; Ademais, tamén conta cunha sala de procesamento e conservación de mostras biolóxicas,

Aposta pola Investigación da Xunta

A Xunta de Galicia mantén a súa aposta pola investigación, achegando os recursos e infraestruturas precisas para obter os mellores resultados posibles. Así, o Executivo galego incrementará nun 15’4% a partida orzamentaria destinada á investigación sanitaria, ata superar os 3,4 millóns de euros.

Nesta liña, e tras a recente acreditación, por parte do instituto Carlos III, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia-Sur de Vigo; a Xunta consegue completar o mapa galego de centros acreditados. Unha conxuntura, que lle permitirá integrar no sector público autonómico aos investigadores deste centro de investigación, xunto cos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS); e os do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC).

Ademais, no referido ao persoal investigador que depende directamente do Sergas, a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema Público de Saúde, achegará un total de 34 prazas de persoal investigador, na procura de estabilizar ao persoal investigador vencellado ao Servizo Galego de Saúde.

 

Imaxes relacionadas