A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe na Rúa a un grupo de mozas e mozos que participan no programa ‘XacobeAndo’

Política Social destaca o papel do voluntariado na promoción das diferentes rutas xacobeas

Persoas voluntarias de Letonia, Italia, Estonia, Grecia e España participaron en actividades interculturais con alumnado de Primaria do centro escolar Manuel Respiro

A Rúa (Ourense), 26 de outubro de 2022.-

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe ás actividades interculturais que se desenvolveron no centro escolar Manuel Respiro coa participación do grupo de voluntarios de diferentes países -dous deles de nacionalidade española e o resto procedente de Letonia, Italia, Estonia e Grecia- que forma parte do programa ‘XacobeAndo’. Durante a xornada, estes voluntarios e alumnado de 6º curso de Primaria realizaron actividades lúdicas sobre elementos do Camiño de Inverno e nun obradoiro sobre as emocións.

 

Cristina Pichel, que estivo acompañada do alcalde da Rúa, Álvaro José Fernández, destacou a importancia que ten o voluntariado na promoción das rutas Xacobeas, e destacou que con este tipo de iniciativas se cobren dous obxectivos: dar a coñecer o noso patrimonio a persoas de fóra de Galicia e reforzar a atención, difusión, sostibilidade e inclusión dos diferentes camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

 

A Consellería de Política Social e Xuventude ten en marcha desde o pasado mes de xullo e ata finais deste mes de outubro o programa ‘Xacobeando’, a través do cal 80 mozas e mozos chegados de oito países diferentes realizan durante a súa estadía en Galicia actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo; Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaboran en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural; a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño; e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.

Imaxes relacionadas