O presidente da Xunta asistiu á celebración do III Festival Escolar do Camiño Inglés e Xacobeo 2022

Rueda enxalza a aposta da Xunta por impulsar o Camiño de Santiago como un modelo de turismo familiar e sustentable

Apunta que gran parte do “éxito espectacular” do Xacobeo 21-22 foi conseguir que moita rapazada fixese o Camiño e erixe os máis novos como “futuros impulsores da marca Galicia”

Salienta a auxe do Camiño Inglés, que se converteu no cuarto trazado con máis peregrinos e augúralle moito percorrido para os próximos anos

O albergue público de peregrinos de Ferrol estará rematado a principios do ano que vén
 

Ferrol, 26 de outubro de 2022 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe a aposta da Xunta por impulsar o Camiño de Santiago como un modelo de turismo familiar e sustentable.

“Gran parte do éxito espectacular do Xacobeo foi conseguir que moitas familias e rapaces de toda Galicia fixeran o Camiño, e coñeceran o que é o Ano Santo e se familiarizaran con el”.Así o aseverou Rueda na súa participación no III Festival Escolar Camiño Inglés, que se celebrou hoxe en Ferrol, e no que participaron milleiros de rapaces para achegarse dun xeito lúdico ao Xacobeo e tamén ás súas diferentes rutas.

No encontro cos participantes, o mandatario galego salientou que a Xunta -ao igual que a Federación de ANPAS Concepción Arenal que organiza este festival- procura fomentar tamén o turismo familiar dentro das rutas xacobeas. Neste senso, argumentou que os rapaces son os “futuros impulsores e animadores da marca Galicia” que, segundo o presidente galego, é a que “está a tirar deste resultado turístico tan fundamental”.

Camiño inglés, ruta en auxe

O presidente da Xunta puxo en valor que este certame escolar tivese como protagonista o Camiño Inglés, do que subliñou que cada vez ten máis adeptos. Así, remarcou que se deron o dobre de compostelas ata chegar ás 23.000 cando, cando no 2021 foran case 11.000. Deste xeito, destacou que xa é o “cuarto trazado con máis peregrinos”, por detrás do Camiño Francés, o Portugués e o Portugués da Costa.

Fin das obras do albergue para principios de ano

O mandatario galego tamén se referiu ao albergue público de peregrinos de Ferrol, que estará finalizado a principios do ano que vén. Ao respecto, Rueda lembrou que as obras comezaron o pasado mes de xullo e, neste intre, xa rexistran “velocidade de cruceiro” co obxecto de, en canto rematen, proceder co seu equipamento.

Imaxes relacionadas