A Xunta aposta polas mesas locais contra a violencia de xénero como amplificadoras da resposta ás vítimas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na segunda xuntanza da Mesa local de coordinación institucional contra a violencia de xénero de Brión


Puxo en valor o protocolo galego de cooperación contra esta lacra que desde 2018 traballa para mellorar a atención ás vítimas, visibilizar os recursos e servizos destinados a menores e facer acompañamento familiar e emocional


Galicia colabora co resto das comunidades na elaboración dun protocolo estatal no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero ao que trasladará a experiencia destes 4 anos de funcionamento do documento galego
 

Brión (A Coruña), 26 de outubro de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na segunda xuntanza da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, onde puxo en valor a relevancia destes órganos e a cooperación entre diversos axentes para dar “a mellor resposta” ás persoas en situación de violencia.

López Abella lembrou o importante papel que as mesas asumen para amplificar o coñecemento dos recursos dos que dispoñen as vítimas e dar a coñecer o protocolo galego de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero, deseñado en 2018 no marco do Observatorio autonómico contra a violencia de xénero. Este “documento vivo”, lembrou, “establece os criterios da intervención institucional para a prevención, atención e protección das mulleres e menores que sofren violencia de xénero, e para garantir unha actuación integral, áxil e coordinada”.

No marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, especificou a secretaria xeral, Galicia, que leva una dianteira de polo menos 4 anos, está a colaborar cun documento de características semellantes co resto das comunidades autónomas.

A Xunta convidou á Mesa de Brión a dar difusión ao protocolo que incide en 6 aspectos: actuación e atención integral; detección e prevención; respecto á intimidade e dignidade das persoas que sofren violencia de xénero; fomento da autoestima e da autonomía; coordinación entre as actuacións das distintas entidades; e na concienciación e sensibilización respecto desta lacra e das desigualdades de xénero.

A secretaria xeral lembrou que o Goberno autonómico ten a dispor das persoas interesadas material divulgativo para o seguimento do protocolo e organiza formacións, en colaboración co tecido asociativo, entidades locais e colexios profesionais para a súa posta en práctica e coñecemento.

Como aspectos concretos, o protocolo incide na necesidade de visibilizar ás e ós menores como vítimas da violencia de xénero establecendo recursos específicos e de intervención ao respecto. Tamén recada a valoración das mulleres vítimas que accederon a recursos existentes, artellando un sistema de queixa e/ou suxestión que preserva o seu anonimato.

Entre outras medidas, trátase de desenvolver programas de formación continuada en igualdade, así como de dotar dun servizo de acompañamento emocional, intervir coas familias e fomentar o traballo en rede.

“Non cabe dúbida de que temos que seguir na divulgación do protocolo para dar a mellor resposta as persoas en situación de violencia, sendo un puntal esencial as Mesas de Coordinación Interistitucional”, rematou a secretaria xeral.

Imaxes relacionadas