A Xunta destinará 90 M€ a intensificar a aposta polo transporte público para estender a todo o territorio as vantaxes dos autobuses metropolitanos

Vázquez Mourelle subliña que o Goberno galego seguirá a financiar o 76% do custo da prestación deste servizo público, polo que os cidadáns asumirán menos do 25%
 

Avanza que a Xunta está a impulsar a creación da Área de Transporte de Galicia para bonificar aínda máis o prezo do billete mediante a colaboración autonómica e municipal
 

Explica que se trata de estender a toda Galicia o sistema de descontos e vantaxes que funciona desde hai anos nas contornas metropolitanas, destinando 11 M€ co fin de bonificar máis de 18 millóns de viaxes ao ano
 

Salienta que Galicia, grazas ao Plan de Transporte Público de Galicia, pasou de 927 liñas a case 3.500 e multiplicou por máis de dous o número de paradas, ata as 54.000
 

Remarca que máis de 130.000 mozos viaxan gratis en transporte público por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova, que supón un investimento de 7,1M€ nos Orzamentos de 2023
 

Valladolid, 25 de outubro de 2022  A Xunta destinará o vindeiro ano un orzamento de 90 millóns de euros a intensificar a aposta sen precedentes de Galicia polo transporte público co obxectivo de estender a todo o territorio as vantaxes dos autobuses metropolitanos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, expuxo hoxe o modelo de transporte público de Galicia no foro “O transporte público por estrada en Castela e León”, onde tamén interviron a conselleira de Mobilidade e Transformación Dixital da Junta de Castela e León, María González Corral; o conselleiro de Medio Rural e Cohesión Territorial do Principado de Asturias, Alejandro Jesús Calvo; e o director de Planificación Estratéxica e Explotación do Consorcio Rexional de Transportes de Madrid, Francisco Javier Gómez López.
 

Vázquez Mourelle subliñou que o Goberno galego, mediante esta aposta polo transporte público, continuará a financiar o 76% do custo da prestación deste servizo, polo que os cidadáns tan só achegarán o 25%.

Avanzou que a Xunta está a impulsar a creación da Área de Transporte de Galicia, unha iniciativa destinada a bonificar aínda máis o prezo do billete do autobús mediante a colaboración autonómica e municipal.
 
Explicou que se trata de estender a toda Galicia e, por suposto, ao rural, o sistema de descontos e vantaxes que funciona desde hai anos nas contornas metropolitanas, destinando a isto 11 M€ co fin de bonificar máis de 18 millóns de viaxes ao ano.
 

Lembrou que Galicia culminou recentemente a renovación integral das súas liñas de autobús interurbano, activando modalidades como o transporte compartido, é dicir, o aproveitamento das prazas baleiras del transporte escolar para os usuarios xerais.

Salientou que a Xunta, a través dos sistemas de autobús compartido e baixo demanda, dotou Galicia dun transporte público sostible, eficaz e con futuro, blindando os 3.500 empregos do sector.
 
Detallou que se pasou de ter 927 liñas de autobús interurbano a case 3.500 e se multiplicou por máis de dous o número de paradas, ata chegar a máis de 54.000, levando o autobús a onde antes non chegaba.
 

Remarcou o abaratamento das tarifas, cunha media do 60% con respecto á situación previa e con medidas pioneiras como a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos poden viaxar gratis nos autobuses da Xunta por toda Galicia, realizando ata 60 viaxes ao mes sen pagar.

 

Así, indicou que hoxe hai en Galicia máis de 130.000 mozos viaxando gratis en transporte público grazas a este dispositivo, cuxo financiamento supón reservar nos Orzamentos de 2023 máis de 7,1M€.

 
 

Imaxes relacionadas