O conselleiro de Sanidade achégase a doar sangue e lembra que son necesarias entre 400 e 500 doazóns diarias

Julio García Comesaña salienta a necesidade de incrementar o volume de doazóns dos grupos sanguíneos Cero Positivo e A Positivo, que nestes momentos atópanse nun nivel baixo

Santiago de Compostela, martes 25 de outubro de 2022

O conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, achegouse esta mañá para doar sangue ate a unidade móbil que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) ten desprazada xunto ao edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, no acto estivo acompañado polo director de xestión e servizos xerais de ADOS, José Luis Beiras Padella.

 

O conselleiro lembrou a importancia de doar sangue, xa que en Galicia necesítanse entre 400 e 500 doazóns diarias para poder cubrir a demanda de compoñentes sanguíneos que precisan os centros hospitalarios galegos, e así poder desenvolver con normalidade o seu labor asistencial. Apelando, por iso, ao altruísmo e xenerosidade da cidadanía galega. Neste sentido, o conselleiro salientou a necesidade de incrementar o volume de doazóns dos grupos sanguíneos Cero Positivo e A Positivo, xa que nestes momentos atópanse nun nivel baixo.

 

Doar é moi sinxelo

Poden doar sangue todas as persoas entre 18 e 65 anos, cun peso superior aos 50 quilos e que non teñan padecido ou padezan enfermidades transmisibles polo sangue. Podendo realizar a doazón nos locais fixos que hai nas sete grandes cidades galegas ou nunha das dez unidades móbiles que se achegan, durante a semana, a preto de cincuenta concellos de Galicia.

 

Así mesmo, a Axencia de de Doazón de Órganos e Sangue lembra que está a disposición de todos os cidadáns a súa web http://ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais, como forma de comunicarse con ADOS e resolver dúbidas relacionadas coa doazón.

Imaxes relacionadas