O presidente Alfonso Rueda reuniuse co alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores

A Xunta anuncia actuacións fundamentais para configurar unha Pontevedra con mellores servizos, máis verde e con máis oportunidades

Rueda adianta a posta en marcha dun ambicioso proxecto para recuperar o Pazo de Lourizán e a súa contorna, vencellado co arquitecto David Chipperfield para convertelo nun referente do sector forestal e darlle un uso turístico
 

Sitúa o Hospital Gran Montecelo como a “xoia da coroa” da actual lexislatura e compromete que estarán rematadas as obras a finais de 2023 ou principios de 2024
 

Salienta o investimento importante na reforma do Instituto Valle Inclán por valor de 4,7 M€
 

Garante o apoio da Xunta á mellorar urbanística e medioambientalmente o centro de Pontevedra coas actuacións de destape do Río Gafos
 

Pon en valor os traballos na reforma integral da estrada a Marín (PO-546) para convertela nun eixe de mobilidade sustentable cun investimento de 9 M€
 

Anuncia a colaboración da Xunta na reforma do Convento de Santa Clara, unha vez se coñeza a actuación “en detalle” e que aínda está por definir
 

Pontevedra,25 de outubro de 2022

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu hoxe co alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, actuacións e investimentos “fundamentais” do Goberno galego para configurar unha Pontevedra con mellores servizos, máis verde e con máis oportunidades.

“A anterior lexislatura foi de investimentos históricos e queremos seguir nese camiño”, remarcou o titular do Goberno autonómico tras o encontro nun “ton construtivo” que mantivo co rexedor de Pontevedra, dentro da rolda de contactos que está a realizar o presidente cos mandatarios das sete principais cidades galegas.
 

Pazo de Lourizán, vencellado co forestal e uso turístico

Entre as “actuacións fundamentais” que vai acometer a Xunta en Pontevedra, Rueda anunciou a posta en marcha dun proxecto ambicioso para recuperar o espazo emblemático do Pazo de Lourizán. Así, avanzou que no 2023 se convocará un concurso de ideas en colaboración con Fundación RIA, ligada ao arquitecto David Chipperfield.

En concreto, explicou que obxectivo é darlle unha “orientación pública” e “relacionada co forestal”, unha compoñente que lembrou que sempre tivo o pazo, para combinala cun “uso turístico”.

Hospital Gran Montecelo

Precisamente da actual lexislatura, Rueda enxalzou o Hospital Gran Montecelo como “xoia da coroa” e garantiu o compromiso de que a obra quede rematada “a finais de 2023 ou principios de 2024” para atender as necesidades asistencias dos próximos 50 anos dunha poboación de 26 concellos e máis de 300.000 habitantes e que contará con 120 camas, 53 consultas e 3 quirófanos máis. “Suporá, en definitiva, un antes e un despois na sanidade pública de Pontevedra”, aseverou.

No eido sanitario, tamén puxo en valor a renovación ou incorporación de novo equipamento sanitario, que se sumarán aos xa adquiridos ao longo deste ano e do pasado cun investimento de catro millóns de euros.
 
Nesta liña de proxectos en marcha, amosou a colaboración co Concello de Pontevedra para a culminación da Estación de buses e intermodal coa previsión de que estea rematada en novembro.
 

Reforma da estrada de Marín

En materia de mobilidade, Rueda lembrou que a Xunta tamén está a traballar na reforma integral da estrada a Marín (PO-546) para convertela nun eixe de mobilidade sustentable, e na que apuntou a posibilidade de incorporar un carril bici.

Para o mandatario galego, esta estrada vai ser importante en materia de mobilidade e na relación entre as localidades de Pontevedra e Marín, polo que defendeu o investimento global de 9 millóns de euros.
 

Reforma do Instituto Valle Inclán

Rueda tamén abordou co alcalde o investimento de 4,7 millóns de euros na reforma do Instituto Valle Inclán, a máis importante que acometerá a Consellería de Educación en 2023. Ao respecto, o proxecto licitarase en poucas semanas co obxecto de que as obras comecen no primeiro trimestre do ano que vén.

O presidente galego tamén lle trasladou a Fernández Lores a intención da Xunta de apoiar o proxecto de destape do Río Gafos, destinado a mellora urbanística e medioambientalmente do centro de Pontevedra. Nese senso, pediu coñecer máis polo miúdo o proxecto para poder concretar o apoio.
 

Traslado Punto de Encontro Familiar

Tras a reunión, Rueda tamén anunciou que se vai trasladar o Punto de Encontro Familiar da súa actual localización, na rúa Avenida de Vigo, a un local adscrito á Consellería de Política Social na rúa Cruz Vermella.

Salientou que se trata dun servizo moi necesario para moitas familias e concretou que a Xunta investirá case 400.000 euros nesta actuación.
 

Reforma do convento de Santa Clara

No encontro co rexedor tamén se abordaron proxectos pendentes, entre os que Rueda destacou a reforma do convento de Santa Clara. Ao respecto, garantiu o compromiso da Xunta en participar, unha vez que o Concello de Pontevedra lle comunicou que a intención é que forme parte do complexo actual do Museo de Pontevedra. 

En todo caso, advertiu que, para determinar a “cantidade e a intensidade” da participación, o Goberno autonómico precisa coñecer “en detalle” en que consisten as actuacións, “que aínda están por definir”.

Imaxes relacionadas