A Xunta incrementa este curso nun 7% a matriculación nas súas escolas infantís
Nestes momentos hai xa matriculados máis de 8.300 nenos de 0 a 3 anos nos centros da rede pública autonómica
As escolas infantís da rede pública da Xunta de Galicia contan nestes momentos cun total de 8.318 nenos matriculados, o que supón un incremento do 6,9% respecto ao inicio do curso escolar pola incorporación progresiva de novo alumnado. Así o indicou esta mañá o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, nunha comparecencia a petición propia na Comisión 5ª de Política Social, Emprego e Xuventude, na que fixo balance do inicio das clases nestes centros.
Na súa intervención, o director xeral de Familia destacou que o comezo de curso está a transcorrer con total normalidade e que unha das principais novidades con respecto ao anterior é a flexibilización das medidas fronte a covid-19, atendendo a unha situación epidemiolóxica que hoxe é máis favorable. No obstante, apuntou que os centros manteñen unha serie de recomendacións no ámbito da prevención que seguen sendo útiles para a saúde tanto dos profesionais como dos nenos.
Jacobo Rey lembrou que este curso está marcado por un feito histórico como é a atención educativa gratuíta un máximo de oito horas ao día en todos os centros, con independencia da súa titularidade, e ao 100% do alumnado de 0 a 3 anos. Deste xeito Galicia é a primeira Comunidade Autónoma que implanta unha medida deste tipo financiada por enteiro con fondos propios: máis de 50 millóns de euros. Arredor de 31.000 nenos se poden beneficiar desde o pasado mes de setembro da gratuidade e as familias dun aforro que pode chegar aos 2.000 euros por curso e fillo.
Casas niño
A estas cifras súmase o recurso das Casas niño, pequenos centros de atención á infancia no rural que tamén son de balde para as familias. Ao respecto, o director xeral da Familia apuntou que antes de que remate este curso estarán en funcionamento preto dun centenar de equipamentos deste tipo, que darán servizo a case 500 familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes.