A Xunta impulsa o turismo da comunidade en sintonía cos obxectivos de desenvolvemento sostible a través do proxecto Galicia Destino Sostible

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Santiago de Compostela na presentación do proxecto


Mediante esta iniciativa trátase de poñer en valor a oferta turística da rexión para posicionar Galicia como un referente en turismo sostible


A iniciativa foi elaborada polo Clúster de Turismo de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia
 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación do proxecto Galicia Destino Sostible, elaborado polo Clúster de Turismo de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia. Mediante esta iniciativa trátase de poñer en valor a oferta turística da rexión para posicionar Galicia como un referente en turismo sostible.

 

Esta iniciativa nace coa finalidade de integrar toda a oferta turística sostible e medioambiental de Galicia para así conectar aos turistas coas empresas, facilitando o acceso a calquera tipo de actividade turística que contribúa ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible marcados pola Axenda Europea 2030.

 

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia,puxo en valor o nacemento deste tipo de accións gracias as cales a nosa comunidade dá un paso adiante na integración de valores tan demandados polos turistas como a creatividade, o coñecemento e a tecnoloxía para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sostible en todos os contextos e, especialmente, no sector turístico.

 

Neste senso, Castro salientou o impulso levado a cabo pola Xunta de Galicia para ofertar un turismo en sintonía cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible impostos pola Axenda Europea a través da folla de ruta do goberno neste eido, o Plan Director Galicia Destino Seguro.

 

Imaxes relacionadas