Trenor destaca que a Xunta reserva 20 M€ nos orzamentos de 2023 para colaborar co tecido empresarial galego exportador
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou no acto de inauguración da feira ExporPymes organizada pola Cámara de Comercio
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá, na inauguración da feira ExporPymes organizada pola Cámara do Comercio da Coruña. Na súa intervención destacou que “os orzamentos que o Goberno galego deseñou para o ano 2023 son unhas contas que reservan máis de 20 millóns de euros para colaborar co tecido empresarial e así manter o mellor ciclo exportador da historia da Comunidade galega”. Trenor felicitou a esta entidade por congregar neste evento a máis de 200 empresas co obxectivo de favorecer a súa capacidade exportadora.
Neste senso, puxo en valor este esforzo da Xunta, canalizado a través do Instituto Galego de Promoción Económica, que forma parte da Estratexia de Internacionalización de Galicia para o período 2021-2025.
O representante do Goberno galego trasladou o compromiso do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co tecido exportador, para que siga contribuíndo a expandir a Marca Galicia grazas ao traballo e ao talento de compañías que continúan buscando a fórmula para ofrecer cada vez unha maior calidade e fiabilidade aos seus clientes.
Trenor recalcou que “seguiremos apoiando aos exportadores galegos tanto desde as axudas para a internacionalización como mediante accións que melloren a visibilidade, formación e posicionamento das nosas empresas”.