A Xunta inicia a construción dunha senda na contorna do centro de control da AG-55 en Nantón, no Concello de Cabana de Bergantiños

O Goberno galego inviste case 50.000 € na execución dun itinerario peonil de 300 metros na marxe esquerda da AC-552, para dar servizo aos traballadores do centro de control da autovía e aos veciños de Cazón, Camafreita e Denellón


A senda tamén conectará as vivendas paralelas á AC-552, onde actualmente os peóns circulan pola beiravía ao non dispor de senda nas marxes da estrada.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os dsprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro
 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de execución dunha nova senda na AC-552 na contorna do centro de control da autovía AG-55, ao paso pola parroquia de Nantón, no concello de Cabana de Bergantiños.

 

Os traballos, cun investimento de preto de 50.000 euros, céntranse na construción dun novo itinerario de uso fundamentalmente peonil na marxe esquerda da estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 48+120 e o 48+405, que dará servizo aos operarios do centro de control da AG-55 e aos veciños dos núcleos de Cazón, Camafreita e Denellón.

 

Con esta intervención tamén se conectarán as vivendas que están paralelas á AC-552, onde actualmente os peóns circulan pola beiravía ao non dispor de sendas na marxe da estrada.

 

O novo itinerario en execución terá preto de 300 metros de lonxitude cunha anchura media de 1,80 metros. Será de base de saburra artificial, de 10 centímetros de espesor, que servirá de soporte ao pavimento da senda, e de cor terrizo natural.

 

Entre os quilómetros 48+200 e 48+276 a cota da senda será inferior á da estrada para adaptarse ás entradas existentes.

 

Disporase, ademais un colector, que conectará coa rede de drenaxe actual e ao que desaugarán unha serie de sumidoiros dispostos ao longo da traza do itinerario. Tamén se executarán pozos de rexistro.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro.

 

Imaxes relacionadas