O Sergas publica por primeira vez a apertura das listas de selección de persoal estatutario temporal na categoría de enxeñeiro biomédico

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, entre o 26 de outubro e o 16 de novembro

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe o anuncio polo que se dá publicidade á apertura das listas de selección de persoal estatutario temporal na categoría de enxeñeiro superior biomédico.

 

O Servizo Galego de Saúde oferta por primeira vez para incorporar as institucións sanitarias, dentro da categoría de enxeñeiro superior a enxeñería biomédica, titulación do ámbito da enxeñaría vinculada dun xeito directo co sector sanitario, titulación que se ten iniciado en na Universidade de Vigo e con prácticas realizadas na área sanitaria de Vigo e que neste ano 2022 rematou a primeira promoción. Con esta apertura de listas incorporará a enxeñeiros/as biomédicos/as as prazas que procedan co fin de desenvolver, aplicar, manter e xestionar tecnoloxías biomédicas no sistema de saúde.

 

A enxeñaría biomédica é unha ciencia interdisciplinaria baseada na medicina, na bioloxía e na enxeñaría. É fundamental para unha variedade de tecnoloxías sumamente innovadoras e de produtos ou procesos do sector da asistencia sanitaria. A incorporación de persoal da titulación de enxeñaría biomédica conlevará unha utilización mellor dos recursos e procesos

 

O envellecemento da sociedade, o aumento da gravidade das enfermidades crónicas e o aumento dos custes da asistencia sanitaria estanse a converter en retos mundiais. Dado que a tecnoloxía desempeña un papel clave no sector dos servizos de sanidade e asistencia, as actividades de investigación, innovación e desenvolvemento en enxeñaría biomédica, xunto cos servizos médicos e asistenciais, son desafíos importantes na sociedade actual.

 

As persoas interesadas poderán formalizar as solicitudes de inscrición nesta primeira xeración de listas, no prazo dos quince días hábiles seguintes á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, é dicir, entre o 26 de outubro de 2022 e o 16 de novembro de 2022.

 

A inscrición efectuarase a través do sistema de información Fides/expedient-e.

 

Para calquera dúbida relacionada con este proceso habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: seleccion.temporal@sergas.es

Departamento:
C. de Sanidade