O presidente Alfonso Rueda reuniuse coa alcaldesa lucense, Lara Méndez

A Xunta e o Concello de Lugo avanzan no remate de infraestructuras e actuacións claves para a cidade

Rueda anuncia a intención de que a infraestrutura “vital” da Rolda Leste, para a que xa hai orzamentados 6 millóns de euros en 2023, estea rematada en tres anos
 

Salienta a “velocidade de cruceiro” das obras do Novo Barrio da Residencia e pide o apoio da alcaldesa para que o Goberno central autorice a construción do Centro de Emprendemento Aeronáutico
 

Destaca que a Xunta esta á espera de que o Concello lle ceda unha parte do antigo colexio Sagrado Corazón para instalar un novo centro de saúde
 

Adianta a colaboración do Goberno galego para a construción dun novo pavillón polideportivo

Lugo, 24 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzaron hoxe no impulso de actuacións claves para a cidade en materias de infraestruturas, sanidade, vivenda e deportes. Así o puxo de manifesto o titular do Goberno autonómico tras o encontro “frutífero” guiado polo “espírito e desexo de colaborar” que mantivo coa rexedora lucense, dentro da rolda de contactos que está a realizar o presidente cos mandatarios das sete principais cidades galegas.

 

Referiuse á Rolda Leste, infraestrutura que cualificou de “vital” para a cidade e “longamente ansiada”, sobre a que adiantou que “este mesmo ano” se licitará a obra do tramo pendente e concretou que os Orzamentos para 2023 xa recollen un investimento de 6 millóns de euros, dentro dunha planificación que comprende un total de 19 millóns para os vindeiros tres anos destinados a esta circunvalación. “A nosa intención é ir o máis áxiles posible para rematar en tres anos esta infraestruturas”, aseverou.

 

Outro dos asuntos abordados foi a construción do futuro centro de saúde no antigo colexio do Sagrado Corazón. Neste senso, apuntou que a Xunta está á espera das negociacións do Goberno local coa entidade titular do inmoble, para que se lle ceda unha parte para este equipamento sanitario e poder elaborar o proxecto construtivo.

 

Plan de actuación no Novo Barrio da Residencia

Rueda salientou que avanzan “a velocidade de cruceiro” as obras do Novo Barrio da Residencia, no que a Xunta leva investidos 34 millóns de euros. En concreto, adiantou que o centro integral de saúde será unha realidade “entre finais do ano e principios do próximo”; os funcionarios comezarán a trasladarse á nova oficina de emprego no primeiro trimestre de 2023; e que se prevé que a residencia de maiores que financiará e equipará a Fundación Amancio Ortega para entregala despois ao Goberno galego quede rematada a mediados do ano que vén.

 

Tamén adiantou que o vindeiro ano se rematará a construción da central de biomasa para esta novo barrio, que dará subministro á zona desde o punto de vista enerxético a todos estes equipamentos públicos. Rueda lamentou que o Goberno central non autorice o cambio de uso de terreo para a localización nesta zona do Centro de Emprendemento Aeronáutico e pediulle á alcaldesa que apoie á Xunta nunha reivindicación conxunta para conseguir este cambio de uso.

 

Avanzar en proxectos pendentes

O encontro tamén serviu para afondar na futura Estación intermodal, toda vez que Adif vén de dar o visto e prace ao convenio que lle remitira a Xunta e que xa contaba coa aprobación do Goberno local. “Cómpre asinalo canto antes e poñernos coa execución”, defendeu.

 

Na área de vivenda, o presidente apuntou ao barrio da Tinería, no que a Xunta leva investidos 26 millóns de euros na rehabilitación para recuperar máis de 40 edificios, preto de 100 vivendas e máis de 30 locais comerciais que se entregaron a emprendedores. Rueda explicou que, neste intre, a Xunta seguirá avanzando en proxectos que están xa en marcha o Pazo de Dona Urraca e o Pazo de San Miguel, para os que xa ten asignacións orzamentarias no caso de que o Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil desbloqueen a situación do barrio.

 

Rueda tamén apuntou que no eido dos equipamentos lúdicos e deportivos, tamén abordou coa alcaldesa o proxecto dun novo pavillón polideportivo para Lugo e trasladoulle o compromiso da Xunta en participar na financiación deste proxecto.

 

Novos compromisos                 

A alcaldesa de Lugo trasladoulle tamén ao presidente da Xunta o proxecto de converter o antigo Cuartel de San Fernando nun Museo da Romanización, ao que Rueda avanzou que a Xunta colaborará co plan director e a musealización, unha vez que o Goberno central cumpra e asigne os fondos Next Generation que se lle solicitaron para poder materializar o proxecto.

 

Por último, o presidente lembrou tamén que o Auditorio leva máis de dous anos entregado ao Concello de Lugo.

Imaxes relacionadas