Os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen investimentos por importe de 3,3 M€ para o saneamento da Ría de Pontedeume

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará unha partida de 2,47 o vindeiro ano ás fases II e III de mellora do saneamento de Cabanas e Pontedeume
 

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, avanza que os traballos da fase I, dotados en 2023 con 400.000 euros, se retomarán antes de finalizar o ano
 

Tamén están asignados no documento económico 430.000 euros para executar o sistema de saneamento dos núcleos de Ver e Boebre
 

Pontedeume (A Coruña), 24 de outubro de 2022

  Os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen investimentos por importe de 3,3 millóns de euros para a mellora do saneamento da ría de Pontedeume, ademais de compromisos plurianuais que elevan o gasto total previsto ata os 3,92 M€. Así o anunciou esta mañá a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita realizada á Confraría de Pescadores da localidade.

 

“A Xunta está comprometida con esta comarca e o demostra con feitos como son os 2,87 M€ incluídos nos Orzamentos de 2023 para as obras de mellora do saneamento en torno ao esteiro do Eume e que beneficiará aos municipios de Cabanas e Pontedeume”, indicou a delegada territorial. Un total de 2,47 M€ están asignados no 2023 para as fases II e III -correspondentes á construción dun tanque de tormentas e un colector interceptor en Cabanas-, que se sumarían aos 620.000 euros de investimento plurianual previstos para 2024. Outros 400.000 euros están consignados en 2023 para concluír as obras da fase I, de construción do novo colector interceptor de Pontedeume.

 

Con respecto  a estas últimas, a representante do Goberno galego explicou que se viron paralizadas polo procedemento concursal no que entrou a empresa adxudicataria, pero avanzou que os traballos se retomarán antes de que finalice o ano.

 

O proxecto de mellora do saneamento no esteiro do Eume, impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través de Augas de Galicia, suporá un investimento conxunto que rolda os 8,6 M€ e contribuirá, unha vez rematado, á eliminación dos puntos de vertido á ría.

 

A delegada territorial destacou tamén os 430.000 euros asignados no proxecto de Orzamentos de 2023 para as obras de mellora do sistema de saneamento nos núcleos de Ver e Boebre, en Pontedeume. Estes traballos permitirán construír unha nova estación de bombeo en Ver e unha nova rede de colectores e impulsión, así como unha nova depuradora de augas residuais na parroquia de Boebre.

 

Saneamento en Ferrol

Estes non son os únicos investimentos en materia de saneamento que a Xunta de Galicia recolle no proxecto de Orzamentos 2023. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, prevé un investimento de máis de 8 M€ ata 2026 -1,8 M€ en 2023- para desbloquear o saneamento na zona rural de Ferrol.

 

Ademais, recóllense 900.000 euros para as obras do colector do interceptor do Río Sardiña, para o tramo A Malata-Ponte Estrada A Malata co obxectivo de progresar no saneamento integral da ría de Ferrol.

 

“A Xunta continúa así apoiando aos concellos para que exerzan en mellores condicións as súas competencias de saneamento e depuración das augas”, sinalou a representante do Goberno galego.

 
 

INVESTIMENTOS NO PROXECTO DE ORZAMENTOS 2023 EN INFRAESTRUTURAS DE SANEAMENTO EN FERROL E COMARCA

 
CONCELLO
CONCEPTO
2023
2024
2025
2026
Pontedeume e Cabanas

Mellora do saneamento en Cabanas e Pontedeume. Fase I

0,40 M€
 
 
 
Pontedeume e Cabanas

Melloras do saneamento en Pontedeume e Cabanas.

Fase II e III
2,47 M€
0,62 M€
 
 
Pontedeume

Saneamento e EDAR en Ver e Boebre

0,43M€
 
 
 
Ferrol

Obras colector interceptor do río Sardiña. Tramo A Malata-Ponte Est. A Malata

0,90 M€
 
 
 
Ferrol
Saneamento no rural
1,80 M€
2,1 M€
2,1 M€
2,4 M€

Imaxes relacionadas