Máis de 800 persoas participan nos primeiros exercicios do proceso selectivo para cubrir 84 prazas de Policía Local en 23 concellos galegos
O recinto feiral de Silleda acolleu as dúas primeiras probas da oposición, a de coñecementos e a de lingua galega
Os aspirantes que os superen someteranse ás probas físicas que están previstas para o mes de febreiro no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra
As persoas que superen todas as probas do proceso, elixirán destino unha vez finalizado o proceso e realizarán o curso de capacitación obrigatorio na AGASP formando parte da súa 15ª promoción de Policía Local
Case 850 persoas participaron esta mañá no recinto feiral de Silleda nas dúas primeiras probas do proceso selectivo para optar a 84 prazas da categoría de Policía Local en 23 concellos galegos. Por unha parte, a proba de avaliación de coñecementos cun cuestionario de 100 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria. Ademais, as persoas non exentas da proba de coñecementos de lingua galega realizaron este segundo exercicio ao remate do primeiro.
Os aspirantes que que acaden as 300 mellores cualificacións na primeira proba, sempre que a superen, e obteñan a cualificación de apto ou estean exentos da realización da segunda proba someteranse ao terceiro exercicio -ás probas físicas- que se levarán a cabo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Unha vez rematado o proceso, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) formará aos futuros axentes no curso de formación teórico-práctico obrigatorio que deberán superar despois de poder elixir destino e ser nomeados funcionarios en prácticas polos concellos.
Proceso de selección unitario
A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local, a través dun convenio de colaboración cos concellos galegos que decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. A día de hoxe 89 concellos delegaron na Xunta a selección do seu persoal, o que supón o 70% dos concellos galegos que dispoñen deste corpo de seguridade.