Lorenzana apoia en Baiona o deporte feminino galego e destaca o compromiso da Xunta coa igualdade e a loita pola tolerancia

Baiona (Pontevedra), 23 de outubro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Baiona no acto de entrega de premios da Final do Circuíto Nacional Feminino J80 de Vela no Monte Real Club de Yates. Lorenzana mostrou o apoio da Xunta ao deporte feminino e destacou o crecemento “imparable” das mulleres deportistas na comunidade galega.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade felicitou ás participantes do circuíto e gabou os valores que as deportistas transmiten co seu traballo como son a loita pola tolerancia, a igualdade e a non violencia. Sinalou tamén que a Xunta promove a través de diferentes programas a importancia de romper cos estereotipos e demostrar que o  deporte non entende de xénero. Por último, felicitou o labor do Monte Real Club de Yates de Baiona a favor da igualdade e da inclusión das persoas con discapacidade.