A Xunta recrea en Edugal unha oficina de emprego no metaverso para a orientación laboral de menores de 25 anos en situación de desemprego

A innovadora iniciativa que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no seu expositor da feira dará acceso á oficina virtual ás persoas visitantes a través do teléfono móbil ou de gafas de realidade virtual

O metaverso permitirá nun futuro optimizar os procesos de avaliación e selección de persoal por parte do tecido produtivo, co centro posto no factor humano

A Xunta está a modernizar o servizo de emprego e utilizará un sistema baseado na intelixencia artficial para casar a oferta de postos coa demanda das persoas usuarias e atender así ás necesidades do mercado e dar mellor cobertura ás vacantes
 

Pontevedra, 23 de outubro de 2022 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrecerá na próxima edición do salón Edugal -que se celebra en Pontevedra os días 26, 27 e 28 de outubro- a recreación dunha oficina de emprego no metaverso, unha experiencia piloto, coa que pretende achegar a orientación laboral ás persoas traballadoras de menor idade.

O Goberno galego aposta con esta iniciativa pola innovación na busca de emprego e oportunidades laborais da mocidade. Con este proxecto piloto persegue optimizar a orientación laboral, o deseño de itinerarios formativos e a recondución cara ao Servizo de Emprego de Galicia das persoas menores de 25 anos en situación de desemprego e que non estean formándose no momento actual.

O metaverso é xa unha realidade, virtual e alternativa, pero real como contorna social e económica, prevéndose que xere un impacto de máis de dous billóns de euros de negocio para o ano 2030. As súas aplicacións prometen un cambio de paradigma en áreas fundamentais do mundo laboral como o os recursos humanos.

A Xunta non pode permanecer allea a esta revolución polo que ofrece aos e ás asistentes ao salón Edugal a posibilidade de recibir, en primeira persoa, a atención dunha oficina de emprego recreada neste universo virtual. Para facelo, as persoas usuarias poderán conectarse a través dos seus teléfonos móbiles e/ou gafas de realidade virtual e aumentada que se porán ao seu dispor.

A experiencia concíbese como unha primeira aproximación ao que promete ser un novo modelo de gran impacto nas relacións laborais. Con estes procesos, a Administración Pública galega aproveitará as vantaxes destes sistemas para mellorar a avaliación e selección do persoal, primando o factor humano, que a Xunta pon no centro das súas políticas de emprego.

No marco da estratexia global de emprego Xempre Contigo, o Goberno autonómico está a abordar unha modernización sen precedentes do Servizo de Emprego de Galicia que pasa pola mellora dos procesos de intermediación e colocación que se realizará a través dunha nova ferramenta dixital baseada na intelixencia artificial. Grazas a este novo software a Xunta contará cos recursos, procesos e ferramentas para ser a institución referente do sistema para crear un vínculo permanente entre traballadores e empregadores.

O instrumento permitirá identificar as necesidades do mercado de traballo en tempo real e adaptar a formación e os itinerarios formativos a estas. Como novidade, ademais, manterá conexión co sistema de inclusión social de Galicia para identificar persoas vulnerables coas que traballar no proceso de transición ao emprego co acompañamento específico que precisan.