O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu hoxe á inauguración deste encontro

Política Social participa na IV xornada sobre Dano Cerebral Adquirido (DCA) organizada pola Fundación María José Jove

Abordouse o DCA desde o punto de vista médico, social e legal

A Coruña, 22 de outubro de 2022 O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou esta mañá “o compromiso da Fundación María José Jové na aportación de solucións que fagan a vida máis doada ás persoas afectadas de Dano Cerebral Adquirido (DCA) e ás súas familias”. Díxoo no acto de inauguración da IV Xornada sobre DCA organizada por esta fundación e a Asociación de Dano Cerebral de Coruña (Adaceco). 

Baixo o título ‘Adaptándonos a unha nova realidade’, o encontro serviu para abordar o DCA desde o punto de vista médico, social e legal. Ao respecto, o director xeral indicou a importancia deste tipo de eventos para dar a coñecer mellor o día a día ao que se enfrontan as persoas que teñen esta doenza e os seus familiares. 

Durante a xornada falouse, entre outros temas, de medicina de urxencias e ictus tras a pandemia; dos cambios lexislativos sobre a capacidade de obrar e sobre a realidade virtual para a neurorrehabilitación.

 

Imaxes relacionadas