A Xunta avalía o impacto na industria galega dos elevados custos enerxéticos

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, e o director do Igape, Fernando Guldrís, participaron esta semana na reunión do Comité de Política Industrial

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2022.-

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, e o director do Igape, Fernando Guldrís, dependentes ambos os dous da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, participaron esta semana na reunión do Comité de Política Industrial -formado por representantes da Xunta, sindicatos, a Confederación de Empresarios de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras de Comercio e o Colexio de Enxeñeiros Industriais- onde se avaliou o impacto que os elevados custos enerxéticos está tendo na industria galega.

 

Neste sentido, a escalada de prezos sen precedentes iniciada en 2021 e agravada pola guerra de Ucraína está tendo como consecuencia unha perda da competitividade industrial pola redución de marxes, de produción nalgúns sectores e polas dificultades para a exportación, fundamentalmente.

 

Paula Uría expuxo as propostas realizadas desde o Goberno galego ao estatal no Plan de continxencia e para sectores intensivos en enerxía, como a recuperación de sistemas de xestión de demanda, poxas específicas de produtores renovables, a máxima compensación de custos de CO2, o impulso de contratación de PPAs renovables coa industria ou un réxime retributivo axeitado para a coxeración. A secretaria xeral de Industria tamén explicou que desde a Xunta de Galicia xa se adoptaron medidas como o apoio de proxectos renovables vencellados co tecido indsutrial, declarando prioritarios aqueles destinados a autoconsumo industrial que destinen como mínimo un 50% da enerxía producida a contratos a longo prazo con industrias asentadas en Galicia. Tamén se está posibilitando a tramitación de proxectos renovables cun impacto socioeconómico no territorio e que faciliten prezos eléctricos competitivos á industria electrointensiva.

 

En resposta ás demandas dos principais axentes afectados, a Xunta comprometeuse a analizar caso a caso e facilitar de xeito temporal alternativas, dentro do marco da normativa ambiental correspondente. Por outra banca, Fernando Guldrís tamén informou da actualización da estratexia de recuperación, crecemento e diversificación da industria naval de Galicia 2022-2026.

Imaxes relacionadas