A Xunta ratifica na Coruña o seu compromiso para garantir a igualdade das persoas Lgtbi

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración dos XXXII Encontros Estatais LGTBI, que organiza Alas Coruña, co apoio da Administración autonómica

A Coruña, 21 de outubro de 2022.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe na Coruña, na inauguración dos XXXII Encontros Estatais LGTBI, o compromiso do Goberno galego para garantir a igualdade de oportunidades das persoas LGTBI. Nas xornadas, que organiza Alas Coruña, co apoio da Xunta, López Abella puxo en valor o traballo da Administración autonómica con asociacións, organizacións e colectivos LGTBI no marco do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero para promover unha igualdade efectiva de oportunidades.

De feito, López Abella lembrou que esta mesma semana solicitou ao Estado que teña en conta ás entidades galegas que traballan a favor dos dereitos LGTBI na elaboración das estratexias estatais para a igualdade de trato e non discriminación das persoas LGTBI e para a inclusión social das persoas trans.

Destacou que a Xunta de Galicia seguirá reforzando as actuacións para loitar contra as discriminacións para “seguir transformando Galicia nunha sociedade cada vez máis acolledora da diversidade en todas as súas posibles manifestacións, atendendo ás particularidades”. Para rematar, apuntou que o reto é “cimentar sociedades abertas nas que se conviva coa diversidade e coa igualdade e se medre nun contexto de cumprimento dos dereitos e desfrute das liberdades das persoas LGTBI”.

 

Imaxes relacionadas