O titular do Goberno galego mantivo unha reunión bilateral co presidente do Principado de Asturias

Rueda aborda con Adrián Barbón retos comúns para Galicia e Asturias e agradece ao presidente do Principado o diálogo cordial entre as dúas Administracións

Salienta a boa disposición para chegar a acordos en asuntos como o financiamento autonómico, o corredor atlántico, a crise das electrointensivas ou o veto á pesca de fondo

Agradece o interese dos asturianos por preservar e impulsar o Camiño de Santiago nun ano espectacular no que se bateron récords históricos, “tamén no Camiño Primitivo que parte de Asturias”
 

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, abordou con Adrián Barbón retos comúns para Galicia e Asturias e agradeceu ao presidente do Principado o diálogo cordial entre as dúas Administracións.

Alfonso Rueda e Adrián Barbón mantiveron unha reunión bilateral que se encadra na rolda de contactos do presidente da Xunta con representantes das Comunidades Autónomas polas que atravesa o Camiño de Santiago. Nese sentido, o titular da Xunta agradeceulle en nome de todos os galegos o interese que os asturianos tiveron sempre por preservar e impulsar a ruta, seguindo o exemplo do rei Alfonso II de Asturias, El casto, coñecido como o primeiro peregrino por percorrer a distancia entre Oviedo e Compostela no século IX, inaugurando así o Camiño Primitivo. De feito, Rueda recordou que “tamén no Camiño Primitivo, que parte de Asturias” a afluencia de peregrinos se incrementou nun ano histórico para as rutas xacoebas.

Galicia e Asturias son dúas comunidades unidas por lazos históricos, xeográficos e culturais, como ambos mandatarios deixaron claro no encontro institucional. Por iso, máis alá de cores políticas, no primeiro encontro que mantiveron logo de ser nomeado Alfonso Rueda presidente da Xunta, actualizaron asuntos de interese para os dous territorios e os retos comúns que se lles presentan perante o actual panorama xeopolítico.

Así, no encontro abordaron o reto demográfico e defenderon a necesidade de que teña unha consideración importante no debate do futuro modelo de financiamento autonómico. Tamén intercambiaron posturas sobre as infraestruturas e a necesidade de defender un corredor atlántico que achegue as empresas aos centros loxísticos. Os retos e as dificultades industriais, coa crise das electrointensivas como asunto prioritario, foi outra das cuestións que trataron e ás que sumaron, por ser primordial para os sectores primarios de ambas as dúas Comunidades, o veto á pesca de fondo decretado pola Unión Europea e que afecta tanto á frota galega como á asturiana.

Rueda agradeceulle a Barbón a súa disposición por acudir sempre á chamada de Galicia e invitouno a visitar a Comunidade sempre que queira “porque os asturianos son queridos como un pobo irmán”, subliñou Alfonso Rueda.

Imaxes relacionadas