O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá en Lalín unha xornada técnica sobre as posibilidades que ofrece esta leguminosa
A Xunta informa aos agricultores e aos operadores de industrias de penso animal das oportunidades de cultivo de chícharos bravos
Trátase dun cultivo que mellora a estrutura e a microbioloxía do solo, así como a infiltración de auga, e que fixa nitróxeno atmosférico
Esta leguminosa é moi interesante como rotación doutros cultivos como o millo, o trigo ou a colza
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá en Lalín unha xornada sobre as oportunidades de cultivo de chícharo bravo na agricultura.
Durante a súa intervención, o director da Axencia manifestou que este cultivo se adapta moi ben aos solos ácidos e neutros propios de Galicia. Trátase dun cultivo que mellora a estrutura e a microbioloxía do solo, así como a infiltración de auga, e que fixa nitróxeno atmosférico. De aí, que esta leguminosa sexa moi interesante como alternativa de cultivo rotatorio dentro do sistema agrario galego, sumándose así a outros máis estendidos como o millo, o trigo ou a colza.
Ademais, José Luis Cabarcos sinalou que, no actual momento de incremento de prezos e dificultades para conseguir materia prima, é importante buscar alternativas novas no campo galego que engadan valor adicional aos cultivos, reducindo así a compra de insumos fóra de Galicia.
Neste senso, esta xornada serviu tamén para poñer as bases dunha posible cooperación entre agricultores e operadores industrias de penso animal para que xurda unha iniciativa seria de produción para a propia industria galega. Así, José Luis Cabarcos amosoulle aos asistentes a conveniencia dunha produción de proteína vexetal de proximidade que serva como complemento da alimentación animal, abrindo un novo nicho de mercado que na nosa comunidade non está aínda moi explotado.