Tamén o DOG recolle a aprobación do expediente de información pública para executar as obras, estando xa convocados os actos expropiatorios para os meses de novembro e de decembro

A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de construción da 1ª fase de humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo

Esta intervención na estrada PO-323 suporá un investimento autonómico de 2,5 M€ e ten como obxectivo fomentar a mobilidade sostible nesta vía de entrada á cidade, a través de actuacións de acougado do tráfico rodado e mellora dos itinerarios peonís

A previsión é licitar as obras neste último trimestre, para comezalas na primavera de 2023, dispoñendo para iso do investimento necesario nas contas de 2023

Intervirase nun treito de 500 metros entre a intersección da estrada autonómica coa avenida da Mariña Española e o Instituto de Teis, no que se ampliarán as beirarrúas e se mellorará a accesibilidade

Nesta primeira fase de reforma deste tramo da PO-323 tense en conta puntos singulares como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA

A intervención incluirá a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués

Tras a análise das achegas recibidas, a nova zona de aparcadoiro situarase na parcela contigua ao IES de Teis e manteranse as prazas actuais na avenida de Galicia, que inicialmente se suprimían

A execución destas obras estará coordinada co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar e completarase cunha segunda fase ata o límite municipal con Redondela, cuxo proxecto xa se está preparando para ser sometido a información pública neste outono

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción da humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo, que suporá un investimento autonómico de preto de 2,5 M€.

 

Esta nova intervención da Xunta céntrase no treito comprendido entre o cruce da estrada PO-323 coa avenida Mariña Española e o IES de Teis, que acada un tramo duns 500 metros da estrada autonómica, no que se definen as medidas de calmado de tráfico e de protección de peóns neste viario de características moi urbanas.

 

A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 15 de setembro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste proxecto de construción da 1ª fase de humanización da PO-323, vía de entrada á cidade olívica. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/XeZS8d

 

Precisamente, este mesma semana a Xunta tamén publicou no DOG a convocatorias dos actos expropiatorios dos propietarios dos terreos necesarios para executar a obra, fixados para os vindeiros meses de novembro e decembro.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar as obras neste último trimestre de ano, co obxectivo de comezar os traballos na primavera de 2023, dispoñendo para iso do investimento necesario nas contas de 2023, no marco dos fondos de mobilidade sostible que xestionará a Secretaría Xeral Técnica da Consellería, cun investimento global de 6,5 M€. A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.

 

O detalle da intervención

Con esta intervención, a Xunta busca fomentar a mobilidade sostible nesta vía de entrada á cidade, a través de actuacións de acougado do tráfico rodado e mellora dos itinerarios peonís.

 

Esta 1ª fase do proxecto de reforma deste tramo da vía autonómica ten en conta puntos singulares como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA. O deseño definido polo departamento de Infraestruturas da Xunta busca, ademais, coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar na antiga ETEA.

 

Máis en detalle, esta obra da Xunta PO-323 comprende a mellora e ampliación das beirarrúas en ambas as marxes do treito de actuación, de modo que sexan máis continuas e accesibles, así como a execución dunha glorieta na intersección entre a avenida de Galicia (PO-323) e a avenida da Mariña Española, pola que se accede á ETEA.

 

As obras incluirán a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués.

 

Tras a análise das achegas recibidas a nova zona de aparcadoiro situarase na parcela contigua ao IES de Teis, ao non ser viable a ubicación inicialmente prevista enfronte do centro de saúde, e manteranse as prazas de aparcadoiro actuais, na avenida de Galicia, entre os números 104-120 e nos números 67-69, que inicialmente se suprimían.

 

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé finalizar a actuación cunha segunda fase que complete a mellora da estrada no termo municipal de Vigo, ata o límite municipal con Redondela, e cuxo proxecto xa se está preparando para ser sometido a información pública neste outono.

 

O Goberno galego continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.