Galicia espera que o Goberno central inxecte máis fondos públicos á futura convocatoria do PERTE naval para que o sector poida manter a súa competitividade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe en Vigo que a Xunta ofrece toda a súa experiencia de xestión para conseguir unha execución eficiente dos fondos europeos

Urxe a celebrar canto antes a reunión do grupo de traballo con Stellantis -prevista para o 21 de novembro- para encaixar o proxecto co que a planta de Vigo poida optar definitivamente aos fondos europeos
 

Vigo, 21 de outubro de 2022.-

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe, na presentación do Perte naval, que Galicia espera que o Goberno central inxecte na futura convocatoria máis fondos públicos para que o sector poida manter a súa competitividade, dando resposta ás necesidades e retos que afronta esta industria.

 

Entre estes retos, sinalou a diversificación cara a novos segmentos como a eólica mariña, a dixitalización ou a mellora da sostibilidade ambiental, ademais da formación e a necesidade de configurar ao seu arredor un ecosistema de I+D+i que integre toda a cadea de valor e centros tecnolóxicos e de coñecemento. Para avanzar nestes aspectos, tal e como lembrou o vicepresidente económico, a Xunta ten en marcha a Estratexia Naval 2022-2026, en colaboración con Aclunaga e Asime.

 

Conde, que apostou pola cogobernanza e a coordinación entre administracións, resaltou que a Xunta ofrece toda a súa experiencia de xestión para conseguir unha execución eficiente dos fondos europeos, para que as axudas se axusten ás necesidades do tecido empresarial e cheguen en tempo e forma aos sectores que o necesitan.

 

Así, no acto, no que participou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, o responsable de Economía, Industria e Innovación salientou que desde Galicia se desexa que se celebre canto antes a reunión do grupo de traballo con Stellantis, fixada para o 21 de novembro. Segundo o vicepresidente económico, adiantar esta data permitiría estar máis preto de encaixar o proxecto co que a planta de Vigo poida optar definitivamente aos fondos europeos.

 

Tamén no eido da automoción, Conde agradeceu á Administración central que se tivera en conta a petición de Galicia para ampliar o presuposto destinado ao Plan Moves, ampliación que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG), chegando así aos 40,5 millóns de euros para que cidadáns, autónomos ou pequenos empresarios compren vehículos eléctricos ou instalen puntos de recarga.