A delegada territorial da Xunta en Ferrol participou esta mañá na presentación da publicación que contou cunha achega do programa autonómico ‘O Teu Xacobeo’

Martina Aneiros destaca o traballo da ASCM favor da inclusión social das personas con discapacidade na ruta xacobea a través da guía “El Camino inglés sobre ruedas”

A guía recolle o itinerario accesible recomendado, con referencias gráficas e puntos a ter en conta para conseguir a Compostela de Ferrol a Santiago

Enmárcase na segunda edición do proxecto Sportodxs co que a asociación da visibilidade ao Camiño a través de actividades relacionadas co ámbito deportivo e social
 

Ferrol, 21 de outubro de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da Guía práctica inclusiva: el Camino Inglés sobre ruedas, elaborada pola asociación sociocultural ASCM e cofinanciada pola Xunta a través do programa “O Teu Xacobeo”.

 

A publicación, desenvolta no marco da segunda edición do proxecto Sportodxs, recolle o itinerario accesible recomendado, con referencias gráficas e puntos a ter en conta para poder conseguir a Compostela dende Ferrol a Santiago.

 

A delegada felicitou á entidade polo traballo en prol da defensa dos dereitos das persoas con diversidade funcional “favorecendo a integración nunha vida normalizada, fomentando a participación activa dende o voluntariado e sensibilizando á sociedade en favor da igualdade. Compromisos e eixos de actuación que, son tamén aqueles sobre os que se sustenta o proxecto Sportodxs Galicia, que acada este ano a súa segunda edición no marzo do programa ‘O Teu Xacobeo”, indicou.

 

Tamén puxo en valor esta guía práctica inclusiva en tanto facilita o coñecemento dunha ruta histórica, o Camiño Inglés e a súa riqueza cultural, natural e humana e o seu gran potencial turístico “factores que achegamos a veciños e viaxeiros con iniciativas como esta que amosa as experiencias vividas ao longo do Camiño polos nosos peregrinos con discapacidade, aos que queremos dar voz”.

 

O programa O Teu Xacobeo ten sido ata agora a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais de Galicia. O programa apoiou nas dúas primeiras edicións 572 proxectos en 200 concellos galegos que supuxeron un investimento da Xunta de 8M€ e permitiron mobilizar case 15 M€ en ámbitos como o turismo, a cultura, o deporte ou a acción social, entre outros.

Imaxes relacionadas