A Lei de áreas empresariais entrará en vigor o 10 de novembro para facilitar a planificación e creación de solo industrial na comunidade

Trátase dunha normativa pioneira a nivel estatal e promovida co obxectivo de dotar a Galicia de espazos empresariais funcionais e totalmente equipados, garantindo o equilibrio entre un uso sustentable do territorio e a actividade económica
 

Unha das principais novidades será a redución ata a un máximo de nove meses do prazo necesario para o asentamento de novos espazos industriais na Comunidade
 

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022  A nova Lei de áreas empresariais de Galicia entrará en vigor o vindeiro 10 de novembro, 20 días despois da súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia. Cómpre lembrar que esta norma, aprobada por ampla maioría do Parlamento o pasado 27 de setembro, é a primeira que regula a materia na Comunidade e, de feito, será pioneira a nivel estatal.

O seu obxectivo principal será axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación do solo industrial na Comunidade, contribuíndo deste xeito ao crecemento económico de Galicia grazas ao fomento de espazos empresariais competitivos, funcionais e totalmente equipados, garantindo o equilibrio imprescindible entre o uso sustentable do territorio e a actividade económica.
 
Cómpre salientar que a Xunta consideraba necesario impulsar esta lei para poder unificar nun só texto todo o marco normativo aplicable a este eido, dispoñer dunha planificación de solo a longo prazo, facilitar a execución das áreas empresariais por fases, en atención á demanda existente en cada momento, axilizar as modificacións na ordenación dos parques, e reforzar a xestión e conservación destas zonas industriais.
 
Para cumprir eses obxectivos, a nova normativa inclúe a creación de figuras como as reservas estratéxicas de solo e os plans estruturantes, que permitirán reducir de 21 a 9 meses o prazo para a aprobación dun proxecto de urbanización.
 
Ademais, redóbrase a aposta dos Concellos Emprendedores, dándolle rango de lei a esta figura que conta xa con 153 municipios adheridos e que supón importantes beneficios para eles no eido do emprego, o comercio local ou a industria.
 

En definitiva, a nova Lei de áreas empresariais será unha norma clave para Galicia nun momento no que, logo de dous anos de pandemia, é necesario reactivar a economía, xerar emprego estable e de calidade e consolidar a Comunidade como un territorio atractivo para que as empresas se implanten e invistan.

 

Imaxes relacionadas