O titular do Goberno galego participou na inauguración do congreso internacional Iacobus Mundi: cidades e territorios xacobeos do mundo

Rueda pon o Camiño de Santiago como exemplo de turismo respectuoso co medio ambiente e coas tradicións dos territorios e cidades que percorre

Salienta o espírito tolerante do peregrino e a esencia enriquecedora do fenómeno xacobeo, “que se mantén invariable ao longo dos tempos”

Sostén que a notoriedade internacional do Camiño “é froito de séculos facendo as cousas ben”

Agradeceu a presencia de representantes de cidades e territorios de todo o mundo unidos polo Camiño e invitounos a coidar e impulsar un dos símbolos mundiais da convivencia
 

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo o Camiño de Santiago como exemplo de turismo respectuoso co medio ambiente e coas tradicións dos territorios e cidades que percorre.

Na inauguración do congreso internacional Iacobus Mundi: cidades e territorios xacobeos do mundo, que reúne en Compostela a representantes de lugares de todo o planeta vinculados co fenómeno xacobeo, Rueda resaltou que as rutas que rematan perante a tumba do Apóstolo foron cambiando ao longo dos séculos, pero non o espírito do peregrino nin do Camiño, porque a tolerancia do camiñante e a esencia enriquecedora da ruta “mantense invariable ao longo dos tempos”.

De feito, o titular do Goberno galego puxo o Camiño como exemplo do turismo de calidade que se persegue hoxe en día: “O principal exemplo de turismo sostible e respectuoso co medio ambiente é o Camiño de Santiago”, asegurou. Do peregrino dixo que era unha persoa que emprendía unha viaxe non só física, senón tamén espiritual, “para enriquecerse e medrar a través do coñecemento e o recoñecemento doutras xentes e doutras terras”.

Ante a pregunta recorrente de saber as razóns de que tantos peregrinos camiñen a Compostela, Rueda indicou que á marxe dos motivos que os empurran -relixiosos, espirituais, turísticos ou deportivos, entre outros- está o feito de que o propio fenómeno xacobeo se foi construíndo ao longo do tempo e que “é froito de séculos facendo as cousas ben”.

No encontro vanse analizar os fluxos da peregrinación e do turismo para intercambiar impresións e mellorar a experiencia do Camiño. Alfonso Rueda agradeceu a todos a súa presencia en Compostela e invitounos a coidar e impulsar un dos símbolos mundiais da convivencia nun ano moi especial no que se bateron todos os récords de entrega de compostelas, máis de 408.000 no que vai de ano, e no que, malia rematar xa a temporada alta do turismo, seguen a chegar unha media de 2.000 peregrinos cada día.

Advertiu, con todo, que o máis importante non é o número de peregrinos, senón todo o que rodea o fenómeno xacobeo. “Importa facer as cousas ben e manter as esencias do Camiño mil anos despois”. O presidente da Xunta invitou aos presentes no congreso a aproveitar o que queda desde Xacobeo tan especial e da década xacobea que queda por diante coa celebración doutros dous anos santos.

Imaxes relacionadas