Lete destaca o nivel acadado pola patinaxe galega con representantes da talle de Jhoan Sebastián Guzmán, tetracampión europeo en velocidade

Salienta o traballo que a Federación Galega de Patinaxe realiza dende a base, un traballo implantado polo presidente da Federación, xa desaparecido, Vicente Torres e que o pasado 5 de outubro recibía a distinción ao Mérito Deportivo de Galicia a título póstumo

Vigo, 20 de outubro de 2022 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe ao patinador español nado en Venezuela e afincado en Vigo, Jhoan Sebastián Guzmán que no pasado mes de setembro converteuse no primeiro deportista en acadar catro medallas de ouro nunha cita continental como o Campionato de Europa de velocidade celebrado en Italia. Ademais, o patinador acadou tres medallas de ouro no Campionato de España de Pista de Patinaxe de Velocidade celebrado en Pamplona no pasado mes de maio. Do 28 de outubro ao 6 de novembro, Jhoan Sebastián Guzmán, competirá coa selección española nos World Skate Games de Arxentina, a competición máis importante do mundo.

 

Lete Lasa destacou o traballo e o esforzo diario do deportista, que tamén é campión mundial de patinaxe de velocidade, así como do seu club, o Freestyle Slalom Vigo no que leva competindo desde 2021. O mandatario galego subliñou o gran momento do deporte galego que conta con campións nacionais e internacionais en practicamente todas as disciplinas. Neste sentido, Lete Lasa valorou a calidade dos deportistas nados en Galicia que, “cos seus éxitos teñen un efecto chamada sobre outros, como Jhoan, que acaban residindo na nosa comunidade e defendendo as cores da nosa bandeira”. Jhoan Sebastián Guzmán é deportista galego de alto nivel (DGAN) dende o pasado 20 de xuño.

O responsable da carteira de Deportes salientou tamén o traballo que a Federación Galega de Patinaxe realiza dende a base, un traballo implantado polo ex presidente da Federación, xa desaparecido, Vicente Torres e que o pasado 5 de outubro recibía a distinción ao Mérito Deportivo de Galicia a título póstumo. Neste sentido, Lete Lasa apuntou ao brillante futuro da patinaxe galega, xa que tanto na cita europea de Italia como na nacional de Pamplona, o patinador oleirense Manuel Taibo acompañou a Jhoan Sebastián Guzmán no podio con catro medallas continentais (un ouro, unha prata e un bronce) así como dous ouros nacionais.

Imaxes relacionadas