O director do Instituto de Estudos do Territorio visitou hoxe o Festival de Muralismo Máis que cor na Ribeira Sacra

A Xunta salienta os bos resultados das actuacións levadas a cabo ao abeiro do Pacto pola Paisaxe da Ribeira Sacra

É un dos 10 proxectos que integran o Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, que, cun orzamento de 4,5 M€, representa unha estratexia de actuación ambiental e de ordenación do medio físico que beneficia a un total de 30 concellos

Castro Caldelas (Ourense), 20 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia puxo hoxe en valor os bos resultados das actuacións levadas a cabo na Ribeira Sacra ao abeiro do Pacto pola Paisaxe para a Protección, Xestión e Ordenación da Paisaxe nesta Área de Especial Interese Paisaxística, cuxo obxectivo é a mellora das paisaxes e da calidade de vida da cidadanía no marco do desenvolvemento sostible e que contou cun financiamento de 550.000 euros durante o período 2020-2022.

 

Nesa liña, o Goberno galego investiu preto de 150.000 euros para elaborar murais artísticos con motivos vinculados ao patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra en fachadas e muros públicos e privados para embelecer espazos urbanos en diferentes concellos deste territorio das provincias de Lugo e Ourense.

 

De feito, con motivo da celebración do Día Internacional da Paisaxe, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, visitou hoxe en Castro Caldelas o Festival de Muralismo Máis que cor na Ribeira Sacra, xunto co presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández, e coa alcaldesa da localidade, Sara Inés Vega.

 

Esta iniciativa, que se enmarca neste Pacto, reúne a cinco muralistas de recoñecido prestixio nacional e internacional, xornadas de muralización simultánea, obradoiros infantís, conferencias e debates coa intención de achegar a arte urbana á cidadanía e de concienciar sobre a importancia de combater o feísmo.

 

Cómpre lembrar que a Xunta asinou en outubro de 2020 coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra o convenio polo que se puxo en marcha o Pacto pola Paisaxe da Ribeira Sacra ¾o segundo que se firmou en Galicia, despois do de Cerdedo-Cotobade¾, que recolle unha serie de actuacións, como a realización de murais e esgrafiados, a delimitación de itinerarios de interese paisaxístico, así como a organización de eventos culturais e de ocio.

 
Este Pacto pola Paisaxe é un dos 10 proxectos que integran o Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e que, cun orzamento de 4,5 millóns de euros, representa unha estratexia de actuación ambiental e de ordenación do medio físico que beneficia a un total de 30 concellos.

Imaxes relacionadas