A Xunta destaca a aposta do tecido empresarial galego pola tecnoloxía no actual contexto de transición ecolóxica e dixital

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na clausura da XX Edición de GaliciaTIC, onde lembrou que as empresas galegas investiron en 2021 un 19% máis en tecnoloxía, mentres que o uso da intelixencia artificial medrou un 50%

Lembra que o Centro de Fabricación Avanzada da Cidade das TIC está na última fase de execución

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na clausura da XX edición de GaliciaTIC, foro de referencia organizado por INEO, asociación empresarial do sector TIC en Galicia. Na súa intervención, Conde apuntou a necesidade de impulsar un crecemento sostible nun contexto de dobre transformación dixital e enerxética no que as TIC son unha ferramenta clave. Subliñou neste contexto o investimento que fixeron as empresas galegas en tecnoloxía en 2021, un 19% maior que o ano anterior, ata sumar 545 millóns de euros, segundo os datos publicados pola Amtega. Ademais, o uso da intelixencia artificial entre as pemes galegas medrou un 50% no último ano, escalando ata o quinto lugar a nivel estatal.

 

O vicepresidente económico da Xunta sinalou que o modelo de Galicia para dar impulso á transformación dixital do modelo produtivo pasa por apostar pola colaboración público-privada e o talento.

 

Neste contexto enmarcou a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, dotada con máis de 330 millóns de euros de investimento público, e proxectos pioneiros como o Nodo de Intelixencia Artificial de Galicia e a Cidade das TIC, que vai albergar os servizos e infraestruturas necesarias para o desenvolvemento de capacidades e talento neste eido. De feito, Conde sinalou que o Centro de Fabricación Avanzada está na última fase de execución.

Imaxes relacionadas