Lugo suma 1.712 M€ de investimento nos Orzamentos da Xunta e volve a ser a provincia con maior contía por habitante

O delegado territorial, Javier Arias, destaca os 13,2 M€ destinados á infraestruturas sanitarias, co foco posto no incremento de servizos e persoal en atención primaria


En política social investiranse case 174 M€, incluíndo unha nova residencia de maiores en Antas de Ulla e a reforma integral na das Gándaras


Dedícanse máis de 100M€ a infraestruturas, entre as que destacan a Ronda Leste e o polígono das Gándaras en Lugo, o novo acceso na LU-651 a Folgoso do Courel ou a autovía Nadela-Sarria
 

Lugo, 20 de outubro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego con Lugo, que suma 1.712 millóns de euros nas partidas de investimento xa territorializadas dos orzamentos da Xunta para o 2023, e volve a ser a provincia con maior contía por habitante -incrementada nun 7,3% con respecto ao pasado ano ata quedar nos 5.288 euros-.

 

Arias explicou que os orzamentos da Xunta para o próximo exercicio son os máis elevados da súa historia (12.620 M€) “para facer fronte á complexa situación económica con medidas de apoio ás familias e ás empresas, e para fortalecer os servizos públicos”. Neste sentido, subliñou o reforzo da sanidade pública, co foco posto na mellora de infraestruturas e servizos de atención primaria, á que se espera incorporar 130 profesionais.

 

Na provincia de Lugo, este esforzo tradúcese en 13,2 millóns de euros destinados a infraestruturas sanitarias, entre eles 2,4 millóns de euros para ultimar o Centro Integral de Saúde do barrio da Residencia; 7,5 millóns para obras e dotacións do Hula; 2,1 millóns para o Hospital Público da Mariña, e 719.539 euros para o novo centro de saúde de Antas de Ulla, ademais de recoller a reforma e ampliación doutros centros como o da Milagrosa, Meira e Outeiro de Rei. Tamén se contempla a partida presupuestaria para a creación dos centros de saúde de Pantón, Ribadeo e no barrio lucense do Sagrado Corazón.

 

O gasto en políticas sociais en Lugo ascenderá a preto de 174 millóns de euros, para o funcionamento dos centros propios, o financiamento de prazas asistenciais ou do Servizo de Axuda no Fogar para persoas en situación de dependencia, a Risga e outras axudas sociais. Tamén se contemplan partidas para construír unha nova residencia en Antas de Ulla (case 1,6 millóns) ou para reformar as residencias das Gándaras e da residencia da Milagrosa, en Lugo (3,7 millóns e 800.000 euros respectivamente).

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recollen investimentos territorializados por máis de 100 millóns de euros na provincia. Entre as obras que executará a primeira cabe apuntar a Ronda Leste de Lugo, con un orzamento de 20M€ comprometido para os vindeiros tres anos, con 6 millóns para 2023; o novo acceso na LU-651 a Folgoso do Courel (2,8 millóns), o eixo entre Begonte, Friol e Palas (2 millóns) ou a autovía Nadela-Sarria (2,09 millóns). En materia de saneamento, consígnanse 11,3 millóns para Foz, Burela e Viveiro.

 

Medio Ambiente reserva case 2 millóns de euros para o polígono das Gándaras e 1 millón para as novas vivendas de promoción pública do Castiñeiro, na capital. Tamén 2,1 millóns para o Rexurbe en Mondoñedo, 1,6 millóns para o plan Hurbe en Portomarín e 1,1 para o de Outeiro de Rei, entre outras actuacións.