Diego Calvo destaca o éxito dos 9 Mundiais de Loita que se están a celebrar en Pontevedra coa participación de 1.200 deportistas

O vicepresidente segundo da Xunta visitou hoxe ás participantes no campionato do mundo sub-23 de loita feminina

Pontevedra, 20 de outubro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, visitou esta mañá ás participantes no campionato do mundo sub-23 de loita feminina que se está a disputar estes días en Pontevedra e que contou como representación galega coa loitadora Nerea Pampín.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, tamén asistiu ao longo da mañá a algúns dos combates, entre eles o de Nerea Pampín contra Nigar Mirzazada, de Azerbaixán. Pese a que a galega non puido superar hoxe a primeira fase e pasar aos cuartos de final, Diego Calvo e Lete Lasa animaron á deportista a seguir loitando na repesca na que opta a unha medalla de bronce no caso de que a súa contrincante de hoxe acade a ronda final no seu combate desta tarde.

Trátase dun dos 9 Campionatos do Mundo de Loitas Olímpicas que acolle desde o pasado 12 de outubro a cidade de Pontevedra con máis de 12.000 deportistas. De feito, é a maior competición de loita organizada en España desde os Xogos Olímpicos de 1992.

Nesta última semana da competición, que rematará o domingo, están a levarse a cabo os 3 campionatos sub-23: o de loita feminina que comezou onte e remata mañá pola mañá; o de loita libre olímpica desde venres pola tarde ata a última xornada do domingo e as probas de loita grecorromana que xa se realizaron o luns e o martes. Ademais, a semana pasada xa se celebraron outros catro campionatos mundiais sub-17 e sub20 e dous absolutos masculinos e femininos de Grappling e Grappling-Gi.

Diego Calvo puxo en valor o papel dos 7 loitadores e loitadoras da comunidade que se deron cita estes días en Pontevedra como Nerea Pampín, Vanesa Muíños, María José Raja, Ramón Placer, Marcos González, José Manuel Eyo e Pablo. Nesta liña, amosou o compromiso da Xunta con este deporte e, de feito, o Goberno galego colabora neste evento con 60.000 euros.