A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello do Valadouro da Estrada LU-163

A Xunta atende á solicitude da entidade local para asumir a titularidade de toda a estrada, así como do seu dominio público viario asociado


Trátase dun resto de 1.830 metros da actual LU-162, cuxo tráfico é local

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade levou a cabo este ano a rehabilitación do pavimento da vía, cun investimento de case 50.000 €


Co cambio de titularidade, o Concello terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello do Valadouro da estrada autonómica LU-163 na súa totalidade, xunto co seu dominio público viario asociado.

O Concello do Valadouro solicitou a cesión de titularidade do treito urbano da estrada autonómica LU-163 co fin de poder realizar o arranxo do desaugadoiro da fonte pública situada no seu punto quilométrico 0+850.

 

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de executar unha rehabilitación do pavimento da estrada LU-163, na que se investiron 48.331,13 €, previa a este cambio de titularidade, coa que se repararon os puntos nos que o firme estaba  deteriorado e se dispuxo unha capa de rodaxe con microaglomerado.

 

O treito obxecto da transferencia ten a consideración de urbano aos efectos da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

 

Este tramo, comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 1+380, correspóndese cun resto de 1.830 metros de lonxitude da actual LU-162, cuxo tráfico é local.

 

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

 

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta o pasado 6 de outubro: https://cutt.ly/hB1cqru .

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, desde mañá, o Concello do Valadouro terá a competencia para actuar nesta estrada e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.