O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o CEIP de Curros Enríquez, un dos centros educativos aos que destinamos un millón de euros dos oito millóns comprometidos cos centros da cidade

Trenor destaca os investimentos nominais de máis de 110 M€ da Xunta para 2023 para grandes actuacións, duplicando as partidas do ano pasado, para a cidade e comarca

O representante do Goberno galego destacou o investimento en política social de máis de 57 millóns de euros, do cales 5,6 millóns destinaranse a gratuidade universal das escolas infantís na cidade
 

Os orzamentos da Xunta tamén reservan 12,2 millóns de euros para o fomento do transporte público a través do plan de transporte da administración autonómica ou a Tarxeta Xente Nova
 

Trenor destacou que as principais obras postas en marcha pola Xunta van a supoñer un investimento de máis de 600 millóns de euros na cidade nos próximos anos, superando a suma de investimentos de Concello, Deputación e Goberno central xuntos

A Coruña, 20 de outubro de 2022 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o CEIP Curros Enríquez un centro nos que a Xunta de Galicia investirá o máis dun millón de euros na súa renovación dos 8 millóns de euros que se reservan para actuacións en colexios da cidade no 2023. Durante a visita o representante do Goberno galego destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa cidade da Coruña e coa súa comarca que terá o seu reflexo nos orzamentos do Goberno galego para o ano 2023. Neste senso, subliñou que as principais partidas inversoras reservan máis de 110 millóns de euros o vindeiro ano para avanzar nas únicas obras importantes que están en marcha na cidade como a Intermodal (10), o novo CHUAC (28,5), a integración da fachada marítima (1,45), ou as novas vivendas públicas e o investimento de Xestur no parque Ofimático (5,1).

 

O representante do Goberno galego recalcou que a creación de emprego seguirá a ser unha das prioridades. Desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade se porá en marcha na cidade da Coruña un novo centro público de orientación, innovación e emprendimiento (COIE) que coordinará os polos de apoio ao emprego Galicia. Tamén se promoverá proporase a creación dun espazo de formación na Cidade das Tic con oferta especializada en transición enerxética. Entre ambas actuacións destinaranse á cidade 2,7 millóns de euros.

 

Trenor subliñou que estas partidas poñen en evidencia que o Goberno galego cumpre a palabra dada do único xeito real que é con partidas económicas nos orzamentos para o ano que ven, todo o demais é palabrería e xogar ao despiste cos cidadáns.

 

Trenor destacou que as principais obras postas en marcha pola Xunta van a supoñer un investimento de máis de 600 millóns de euros na cidade nos próximos anos, superando a suma de investimentos de Concello, Deputación e Goberno central xuntos.

 

Durante a súa intervención o representante do Goberno galego falou tamén do importante esforzo inversor que a Xunta de Galicia realizará na cidade da Coruña nos distintos programas de política social que absorberán máis de 57 millóns de euros e puxo en valor os 5,6 millóns para a gratuidade das escolas infantís que colocan a nosa comunidade como pioneira en establecer esta medida con carácter universal para todos os fillos.

 

Trenor apuntou outras partidas importantes dirixidas ao aforro dos coruñeses e a ter unha mobilidade máis sostible. Tal e como reflexan as contas autónomicas os coruñeses contarán con máis de 12,2 millóns de euros a través dos programas do Plan de Transporte, as bonificacións para o transporte público e a Tarxeta Xente Nova que incidirán directamente no aforro diario das persoas que empregan o transporte público nos seus desprazamentos.

 

Esforzo inversor na comarca

Gonzalo Trenor tamén destacou o importante esforzo inversor que se realizará no 2023 nos concellos da comarca para mellorar a calidade de vida dos seus veciños. Concretamente, a Vía Ártabra (13,15) o solo empresarial de Morás (5,2), ou o centro de saúde de Abegondo (2,1) son as actuacións que absorberán as partidas máis significativas.

 

Ademais farase un importante esforzo en actuacións de mellora dos saneamentos nos concellos de Irixoa, Coirós, Morás, Betanzos ou Curtis e especialmente no municipio de Sada que contará con 3.520.000 euros para actuacións de saneamento e prevención de riscos de inundacións.

 

Orzamento expansivo

O representante do Goberno galego lembrou que o Goberno galego aprobou o orzamento máis elevado da súa historia, que ascende a 12.620M€ con medidas de impulso para apoiar a familias e empresas e fortalecer os servizos públicos., case 1.000 millóns máis que no vixente exercicio. Neste senso, apuntou que se reforzan con máis de 500 M€ 5 liñas de actuación prioritarias: apoio e protección das familias e das persoas, aforro e eficiencia enerxética, dinamización económica, protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático e fortalecemento dos servizos públicos.

 
Ademais, engadiu “as contas reflexan o maior gasto social da historia con 9.368 millóns de euros destinados á sanidade pública, o ensino e as políticas sociais e de emprego”. “Todo isto, engadiu, con novas rebaixas de impostos que permitirán que cada galego se aforre 476 euros en relación ao ano 2019.

Imaxes relacionadas