A Xunta inaugura o X Congreso Internacional de Cascos Históricos celebrado en Santiago de Compostela

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración, na que o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, moderou unha mesa redonda

Este congreso aglutina a máis de 110 organizacións chegadas dende distintos lugares do mundo

Santiago, 20 de outubro de 2022 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no acto inaugural do X Congreso Internacional de Cascos Históricos, un encontro que contou tamén coa participación do director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia.

 Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia, puxo en valor a importancia  deste tipo de iniciativas para a imaxe da nosa Comunidade, xa que favorece a visión da mesma como un destino acolledor e de calidade, onde se pode desfrutar de accións e eventos culturais e formativos de gran importancia.

Neste senso, Nava Castro destacou as boas cifras turísticas acadadas ata o momento, sinalando que este éxito vén da man do esforzo de todos os sectores da Comunidade para ofertar uns servizos de calidade así como unha oferta diferenciada e única.

Pola súa banda, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, foi o encargado de moderar unha mesa redonda sobre os Premios Nacionais de Comercio, na que participaron representantes de asociacións comerciais distinguidas nestes galardóns e na que se puxo de relevo o papel do comercio de proximidade na dinamización das vilas e cidades, e de xeito especial nos cascos históricos.

O Congreso, organizado pola asociación de comerciantes Compostela Monumental, ten lugar en Santiago de Compostela, onde máis de 110 organizacións chegadas desde distintos puntos do mundo aglutináronse coa finalidade de disertar sobre asuntos de interese ao mesmo tempo que desfrutan da cidade.