Fernández-Tapias avanza uns orzamentos para Vigo que disparan o gasto social por riba dos 142 M€

A delegada territorial da Xunta detallou hoxe as contas autonómicas na cidade, que destinan 91M€ de fondos ao apoio e protección das familias e persoas; un 18% máis

En canto a investimento sanitario, puxo de relevo os máis de 30,7M€ que se destinan a novas infraestruturas, melloras sanitarias e equipamentos médicos nos hospitais

Destacou o investimento de 12,5 M€ para o Centro de Asociacionismo de Vigo; os 15 M€ para a reforma da ETEA e a humanización da Avenida de Galicia; os 14,3 M€ para a urbanización do polígono 1 da ampliación de Navia; ou os 14 M€ do IES de Navia

Unhas contas que, dixo, volven a situar ao Executivo galego como a administración que máis inviste na cidade, tras finalizar as obras da Cidade da Xustiza (42 M€); a estación de autobuses intermodal de Vigo (18 M€); e a ampliación do Ifevi (8,3 M€)

Vigo, 19 de outubro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, avanzou hoxe as principais partidas orzamentarias das contas autonómicas para 2023, que disparan o gasto social na cidade por riba dos 142 M€, atendendo ás liñas marcadas como prioritarias no deseño contable do Executivo galego.


“En momentos excepcionais hai que tomar medidas excepcionais”, anotou Fernández-Tapias, quen destacou que os orzamentos cara o vindeiro ano, os máis elevados na historia da Comunidade, reforcen o apoio e protección das familias e das persoas; impulsen a dinamización económica e o fortalecemento dos servizos públicos; apliquen medidas de aforro e
eficiencia enerxética, e de protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático; e recollan rebaixas de impostos que suporán uns aforros medios por galego de 476 euros respecto ao 2009.

 

A delegada fixo así especial fincapé nos fondos destinados pola Consellería de Política Social a Vigo, que crecen un 18% con respecto ao 2022 ata os 91 M€. Entre outras medidas, destacou a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos (6 M€), as axudas a inclusión social (17 M€), o servizo de axuda no fogar (5,6M€) ou a tarxeta benvida e bono coidado (3,7 M€). Partidas que se suman aos 2,5 M€ que destinará o departamento autonómico para o proxecto de mellora e reforma do CRAPD Vigo. 

 

En canto a investimento sanitario, puxo de relevo os máis de 30,7M€ que se destinan a novas infraestruturas, melloras sanitarias e equipamentos médicos nos hospitais vigueses, entre os que figuran 6 dos 14,8 M€ que a Xunta investirá no novo centro integral de saúde (CIS) Olimpia Valencia de Vigo. “Un orzamento histórico, o maior dos últimos anos, dirixido aos hospitais e a atención primaria cun crecemento do 91,8% respecto a este 2022, o que ven a reforzar o compromiso do Goberno galego co servizo público de saúde desta área”, aseverou.

 

Segundo detallou a representante autonómica, o Hospital Álvaro Cunqueiro contará cun investimento que ascende a 5,3 M€ para executar obras de reforma nas novas unidades de enfermidades raras, necropsias e de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil, así como nas áreas de rehabilitación cardíaca e de hospitalización a domicilio. No caso do Meixoeiro, resérvanse preto de 352.000 para a liquidación das obras de climatización do hospital que están a punto de finalizar tras un investimento de 3,7 M€.

 

Asemade, indicou que se consignan para o CHUVI 12,2 M€ dos fondos para equipos de alta tecnoloxía hospitalaria; 3,3 M€ para a renovación de 5 TACs, entre eles un de tecnoloxía espectral que mellora a capacidade diagnóstica e diminúe as doses de radiación; 2,6 M€ para 2 resonancias magnéticas; 2,5 M€ para un equipo PET-TC e 593.000 euros para un de Radioloxía Vascular; e 2 M€ para a renovación de 3 gammacámaras e 2 salas de hemodinámica.

 

En materia educativa, Fernández-Tapias elevou as inversións a preto de 19M€, dos que 14 corresponden ao compromiso do Goberno galego coa construción do novo IES de Navia. Dese custe total, blíndanse 220.000 euros para arrancar xa coa redacción do proxecto, “sempre e cando o Concello de Vigo asine o convenio para a cesión dos terreos que lle foi remitido hai meses”, apuntou.  Segundo dixo, “trátase da obra educativa máis ambiciosa prevista para Galicia” nunha cidade que, recordou, aglutina o maior investimento en infraestruturas escolares con máis de 27M€ en obras de mellora, ampliación ou rehabilitación.   

 

Outras actuacións

Asemade, destacou que o capítulo de investimentos reflicten 3 dos 12,5 M€ que a Xunta destinará a converter o actual edificio dos xulgados da rúa Lalín no futuro centro de asociacionismo vigués, no que se habilitaran locais para a súa posterior cesión a asociacións sociais e culturais da cidade.

 

No que respecta á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Fernández-Tapias indicou que os orzamentos reservan unha partida de cerca de 7 M€ para os proxectos correspondentes á urbanización do PS-1 do ámbito da antiga ETEA e á reforma da Avenida de Galicia. Recordou así que o desenvolvemento deste ámbito vai a supoñer un investimento por parte da Xunta de preto de 15 M€ para gañar un novo espazo público para a cidadanía, ao tempo no que insistiu en que a cesión dos terreos por parte do Concello faise imprescindible para poder licitar a obra. “Trátase dun paso esencial para culminar a execución da residencia da Fundación Amancio Ortega”, engadiu. Tamén recollen a partida correspondente á transformación histórica do Berbés, o novo proxecto de senda peonil e ciclista na Avenida de Beiramar con 2 M€.

 

En materia de vivenda, a delegada afirmou que os orzamentos da Xunta para o 2022 apostan por un importante investimento para facer realidade o proxecto de ampliación de San Paio de Navia, incluíndo 8,9 dos 14,3 M€ da licitación do primeiro dos tres polígonos nos que se divide este ámbito. Este obra, pendente da aprobación definitiva do proxecto de urbanización por parte do Goberno local -imprescindible para a súa adxudicación- permitirá a construción de 733 vivendas protexidas, das que 207 serán de promoción pública construídas polo propio IGVS, e para as que se recollen outros 3,7 millóns de euros. En total 12,6 millóns de euros para este barrio vigués por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. 

 

Os tres polígonos que compoñen a ampliación do solo residencial de San Paio de Navia abrangue unha superficie total de 265.000 metros cadrados no que se prevé realizar un investimento público-privado de 256 M€ co fin de habilitar un total de 1.600 novas vivendas protexidas.

Outras actuacións ás que fixo referencia a delegada son os 1,6 M€ reservados para o transporte metropolitano (ATM-Vigo, ATG) e os 2,3 M€ para a tarxeta xente nova, que garanten a gratuidade do transporte público interurbano que depende de la Xunta de Galicia aos menores de 21 años. Tamén aos máis de 20,7 millóns de euros que destina a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ás distintas iniciativas e programas para a estimulación e consolidación de novos proxectos empresariais na cidade. Asemade, resérvase unha partida de de 3 M€ para a reforma das pistas de atletismo e de 50.000 euros para a nova sede do CGAC.

 

En definitiva, incidiu, “unhas contas comprometidas coa cidade e cos veciños e veciñas de Vigo, nun momento no que debemos sumar esforzos para a reactivación económica e social”. “Unhas partidas que volven a situar ao Executivo galego como a administración que máis inviste na cidade”, engadiu, tras dar por finalizadas as obras da Cidade da Xustiza (42 M€); a estación de autobuses intermodal de Vigo (18 M€); e a ampliación do Ifevi (8,3 M€).

Imaxes relacionadas