A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo esta mañá en Vedra un encontro con entidades e Concellos para difundir esta iniciativa

A Xunta fomenta o voluntariado interxeracional para dinamizar o medio rural

O obxectivo do programa é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais para a mocidade

Persoas maiores e xente nova entre os 16 e 35 anos intercambiarán experiencias e coñecementos en ámbitos como a produción agroalimentaria, a recuperación de oficios tradicionais ou as novas tecnoloxías

Vedra (A Coruña), 19 de outubro de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, difundiu hoxe entre entidades de acción voluntaria e representantes de Concellos da zona o novo programa de voluntariado interxeracional no rural que ten en marcha a Xunta de Galicia. Fíxoo nun encontro informativo que tivo lugar no centro sociocultural de Vedra.

 

Cristina Pichel explicou que esta novidosa proposta consiste en que persoas de máis de 55 anos transfiran a súa experiencia e bo facer a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria ou a posta en valor do turismo e do patrimonio rural galego. Pola súa parte, a xente nova poderá devolver este coñecemento achegando aos maiores as súas habilidades nos campos dixital ou tecnolóxico, entre outros.

 

Neste sentido, a directora xeral de Xuventude sinalou que o obxectivo do programa “é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais no medio rural para a mocidade”. Con esta finalidade, realizaranse actividades formativas e de intercambio de coñecementos entre a xente maior e a xuventude.

 

Orzamento de 760.000 euros

A Consellería de Política Social e Xuventude destinará 760.000 euros á posta en marcha deste programa de voluntariado interxeracional, que se desenvolverá durante os anos 2022 e 2023 principalmente en lugares do medio rural. Está dirixido a entidades de acción tanto locais como asociativas. Os proxectos deberán estar integrados por grupos interxeracionais e funcionarán por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargarase de titorizar a un mozo.

 

A contía da axuda por proxecto será dun mínimo de 15.000 euros e dun máximo de 25.000 euros, atendendo ao número de persoas voluntarias participantes. No caso de presentarse por máis dunha entidade local conxuntamente, entre 36.000 e 60.000 euros respectivamente. As actividades que se desenvolvan no ano 2022 xustifícanse non máis tarde do 16 de decembro de 2022, o resto deberán xustificarse antes do 1 de novembro do ano que vén.

Imaxes relacionadas