O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo xerente da Área Sanitaria Coruña-Cee, Luis Verde, visitaron esta mañá o centro de saúde

A Xunta anuncia o inicio das obras de mellora do Punto de Atención Continuada de Acea de Ama en Culleredo

Na reforma desta instalación sanitaria da rede pública galega, o Sergas inviste máis de 180.000 euros
 

Estas obras de mellora beneficiarán a máis de 30.000 habitantes de Culleredo, o ámbito de cobertura do PAC
 

Culleredo (A Coruña), 19 de outubro de 2022

  O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo xerente da Área Sanitaria Coruña-Cee, Luis Verde, visitaron esta mañá o centro de saúde de Culleredo de Acea de Ama, para anunciar o inicio das obras de reforma deste centro de saúde que suporán un investimento de 180.000 euros.

O representante do Goberno galego destacou a importancia destas obras que teñen por obxectivo atender a crecente demanda de asistencia por parte dos cidadáns neste concello, co fin de facer fronte ao incremento de usuarios e para dar unha mellor resposta ás necesidades actuais polo que se levarán a cabo actuacións no PAC (Punto de Atención Continuada) e nas instalacións do propio centro de saúde.

Estas obras de mellora supoñen un aumento do número de consultas, así como o número de salas de reunións, ademais da reorganización do acceso ás consultas de atención urxentes cun acceso diferenciado das ordinarias.

As melloras que se realizarán beneficiarán a todas as plantas do edificio. Na planta soto destacar unha zoa con novas taquillas, así como un almacén para farmacia e un novo arquivo. Na planta baixa as obras de mellora repercutirán na creación de 2 novas salas técnicas, unha nova consulta, ademais dun dormitorio médico. Na primeira planta crearanse dúas novas consultas e por último, na segunda, habilitarase unha sala de xuntas. A superficie total beneficiada con estas obras acada os 140 m2.
 
En total, no Concello de Culleredo aténdese a máis de 30.000 habitantes, dos que, ao redor de 4.150 están en idade pediátrica.
 

Infraestruturas de Atención Primaria na Área Sanitaria da Coruña e Cee

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 m2. A eles hai que engadir as dúas obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na Área Sanitaria da Coruña e Cee, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Golada-Coristanco, A Covada-Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), O Temple-Cambre, Buño-Malpica, Vilarodís-Arteixo, O Portádego-Culleredo.
 
No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Oza-Cesuras, Arteixo, Malpica de Bergantiños, Coristanco e Cee, mentres se atopan en fase de remate as obras conveniadas en 2021 no centro de saúde de Bergondo.
 
Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da área sanitaria da Coruña e Cee, contempla a construción de catro novos centros de saúde, nos concellos de Abegondo (cuxo proxecto de obra xa está adxudicado), Santa Lucía na cidade da Coruña (cuxo convenio xa está asinado co Concello), Fisterra e Malpica de Bergantiños (asinado protocolo).
 

Ademais, o Plan contempla obras para reformar e modernizar integramente, e nalgúns casos ampliar, outros dous centros como o de Carballo (que se converterá en Centro Integral de Saúde) e o de Vimianzo.

Imaxes relacionadas