A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu esta mañá no Pleno do Parlamento

Ethel Vázquez avanza que os orzamentos da Xunta para 2023 prevén un investimento de case 50 M€ para a conservación e a mellora das estradas autonómicas

Vázquez Mourelle pon en valor o esforzo técnico e financeiro que a Xunta dedica cada ano a xestionar e manter os máis de 5.500 km de estradas autonómicas

Lamenta que o Goberno de España priorice a rendibilidade económica no investimento dos fondos Next Generation de mobilidade e prime as intervencións nas cidades, privando deste financiamento ao 98% dos concellos

Cita a humanización da avenida de Mendiño de Redondela e a mellora da estrada OU-533, entre A Rúa e A Gudiña, como actuacións excluídas dos fondos de reconstrución polos criterios arbitrarios impostos polo Goberno estatal

Destaca o traballo continuo da Xunta a prol da mellora da OU-533, cun investimento de 2,2 M€ sufragado con fondos propios

Remarca que antes de fin de ano se rematará a mellora do firme nun tramo de 32 km desta vía e avanza que as contas da Xunta de 2023 recollen unha partida para novos proxectos de acondicionamento desta estrada

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou esta mañá que os Orzamentos da Xunta para 2023 prevén un investimento de case 50 millóns de euros para a conservación e a mellora das estradas autonómicas.

 

Vázquez Mourelle interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde puxo en valor o esforzo técnico e financeiro que a Xunta dedica cada ano a xestionar e manter unha rede viaria con máis de 5.500 quilómetros de estradas autonómicas, co fin de garantir a seguridade viaria e a mobilidade interurbana.

 

A titular de Infraestruturas lamentou que o Goberno de España primase a rendibilidade económica como criterio prioritario de reparto dos fondos Next Generation destinados a actuacións de mobilidade.

 

Explicou que estes criterios establecidos unilateralmente polo Ministerio de Transportes son inxustos para Galicia, ao non ter presentes as necesidades do conxunto do territorio, que en Galicia é eminentemente rural.

 

Citou exemplos como as obras de humanización da avenida de Mendiño de Redondela, que poderían ser unha realidade se o Goberno de España non focalizara as intervencións susceptibles de ser financiadas con estes fondos europeos exclusivamente nas cidades.

 

Deste xeito, coa imposición de criterios arbitrarios por parte do Goberno de España, lembrou, o Executivo central está a privar ao 98% dos municipios galegos de beneficiarse dos fondos Next Generation de mobilidade.

 

Neste sentido, sinalou que se producen paradoxos como o feito de que o Concello de Vigo, por exemplo, teña a opción de humanizar rúas a cargo dos fondos Next Generation, pero o Concello de Redondela non o poida facer.

 

Detallou que para impulsar o proxecto de humanización da  PO-363, a Xunta remitiu unha proposta de convenio ao Concello de Redondela, que rexeitou cofinanciar actuacións como a instalación de semáforos, cuxa repercusión económica non chegaba nin ao 0,4% do orzamento das obras.

 

Lembrou, ademais, que recentemente, o grupo socialista do Parlamento galego apoiou unha proposta do BNG que pedía a reformulación dese proxecto de reforma da avenida de Mendiño que agora solicita que se execute. Ante isto, a conselleira pediulle aos socialistas que se aclaren sobre o desenvolvemento dun proxecto que parece que non lles gusta.

 

Tamén lamentou que a belixerancia amosada coa Xunta se esqueza á hora de exixir o Goberno de España que execute as pantallas acústicas ou a mellora do viario municipal como consecuencia da ampliación da AP-9 ou para reclamar que financie as obras da avenida de Santa Mariña, tramo urbano da N-550, de titularidade estatal.

 

Mellora da estrada OU-533

A conselleira referiuse tamén a outro exemplo, como o da estrada OU-533, que conecta A Rúa e A Gudiña ou, dito doutro xeito, a N-120 coa A-52.

 

Salientou que a Xunta pediu ao Goberno central fondos europeos para a mellora das infraestruturas de comunicación no ámbito rural, entre as que se incluía esta estrada, pero o Executivo estatal decidiu autoasignarse o 78% dos máis de 11.000 millóns de fondos de reconstrución e restrinxiu a parte consignada ás comunidades autónomas e aos concellos a actuacións en cidades de máis de 50.000 habitantes.

 

Ante estas circunstancias, defendeu o traballo continuo da Xunta a prol da mellora desta estrada, que está a supoñer un investimento de 2,2 millóns de euros sufragados con fondos propios.

 

Recordou que en 2016 a Xunta mellorou o firme nun treito; en 2018 noutro; e neste momento está a traballar nun novo tramo de 32 quilómetros á altura dos concellos da Gudiña, Viana do Bolo e O Bolo, que estará rematado antes de fin de ano.

 

Avanzou, ademais, que o Goberno galego seguirá acondicionando esta estrada, polo que os Orzamentos de 2023 recollen unha partida para avanzar na redacción de novos proxectos de mellora nesta vía autonómica, estratéxica para esta contorna: consignan unha partida de 2,5 M€ para a mellora desta estrada OU-533 e da OU-540.

 

Sinalou que se buscarán fórmulas para tratar de resolver o problema de estrangulamento do tráfico que se rexistra na Gudiña, que pasa por mellorar a configuración da N-525 e os seus enlaces coa A-52, que debería impulsar o Goberno central, algo que ata agora non figurou na súa axenda.

Imaxes relacionadas