O proxecto de orzamentos da Xunta para 2023 destina 26,7 M€ a completar o Plan Director do CHUF

Inclúese unha partida de 10 millóns de euros para contratar o deseño da fase final que peche a reforma do Complexo

O investimento total no Plan Director do CHUF para 2023 duplica ao orzamentado para 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanza que en 2023 a área sanitaria de Ferrol contará cun orzamento de 290 millóns, un 7,4% máis que no vixente ano
 

Ferrol, 19 de outubro de 2022.-

O proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 destina 26,7 millóns de euros a completar o Plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no centro hospitalario desta cidade, onde acudiu a comprobar o avance das obras da primeira fase do Plan Director deste centro da rede do Sergas. Neste acto, no que o titular da carteira sanitaria do Executivo galego estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros Barros, e polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio Villanueva, o conselleiro dixo que, estes máis de 26 millóns, significan “case duplicar a partida que o Plan Director tiña nos orzamentos do vixente ano”.

Na visita, o máximo responsable da sanidade pública galega remarcou que “a novidade máis importante dos orzamentos é unha partida de 10 millóns de euros para poder contratar o proxecto da fase final desta obra”. Segundo o conselleiro, “Ferrol debe contar canto antes co proxecto que defina de xeito claro e detallado cal vai ser a foto final desta reforma hospitalaria e que hospital vai ter esta área sanitaria para a vindeira década”.

Por iso, -proseguiu Comesaña-, con esta partida “imos licitar a comezos do vindeiro ano o proxecto arquitectónico do que será xa a fase final da reforma”, que ten que contemplar actuar sobre os bloques cirúrxicos do Marcide e do Naval e sobre as áreas de hospitalización, para que todas as habitacións teñan baño propio.

Tamén se reformará o hospital de día onco-hematolóxico e os laboratorios de análises clínicas e microbioloxía, ademais de actuar nas áreas de probas e de consultas externas. Deste modo, “a Xunta axiliza o Plan Director ao máximo para que a cidadanía destas comarcas poida contar canto antes coa reforma completa do seu hospital”.

 

290 millóns de orzamento para a área sanitaria

Xunto ao anteriormente sinalado, o máximo responsable do Sergas destacou que no Proxecto de Orzamentos para o vindeiro ano, “o Goberno galego asígnalle á área sanitaria de Ferrol 290 millóns de euros para o funcionamento diario deste hospital e dos distintos centros de atención primaria da área, o que supón un 7,4% máis que no vixente ano”. Desa cantidade, 134 millóns destinaranse ao persoal.

O conselleiro incidiu “en que o avance das obras está xa á vista de toda a cidadanía de Ferrolterra e vai estar pronto a disposición deles”, porque o primeiro fito da mesma será a posta en marcha do novo servizo de radioloxía, que, ademais, contará con novos equipos. Así, este ano, a Xunta adxudicou contratos por valor de 5,1 millóns de euros para novos equipos de alta tecnoloxía neste complexo hospitalario cuxa instalación se completará ao longo de 2023, entre os que Comesaña citou a renovación de 3 TACs e dunha resonancia magnética e a incorporación dunha segunda, así como tamén a incorporación dun equipo de radioloxía vascular intervencionista.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro subliñou que, con todo este investimento en infraestruturas e equipamentos, “é co que a Xunta vai contribuír, no vindeiro ano, a mellorar a asistencia sanitaria pública que recibe a cidadanía desta área”.

 

Imaxes relacionadas