A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe coa Asociación Área Empresarial do Tambre para falar dos plans de futuro para A Sionlla

A Xunta investirá en Santiago 3,6 M€ na promoción de vivenda pública e no impulso do solo empresarial

Ángeles Vázquez explica que os orzamentos do seu departamento para 2023 reservan 3,1 M€ para o remate de 24 vivendas de promoción pública no Castiñeiriño, o impulso doutras 36 en Lamas de Abade e o mantemento de VPP xa existentes

Destinarase 0,5 M€ a iniciar a ampliación en 400.000 m2 do polígono da Sionlla, onde xa se investiron ata o momento 77 M€ e se adxudicaron máis de 571.000 m2

A responsable autonómica explica que se manterán as bonificacións da Xunta do 30% sobre o prezo de venda das parcelas dispoñibles no parque compostelán, uns incentivos aos que o vindeiro ano se reservan para o conxunto de Galicia 7 M€
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022.-

A Xunta de Galicia destinará o próximo ano algo máis de 3,6 millóns de euros á promoción e mantemento do parque público residencial de Santiago e ao impulso do solo empresarial na cidade, concretamente coa ampliación do polígono da Sionlla.

 

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen mantivo unha reunión con representantes da Asociación Área Empresarial do Tambre para explicarlles precisamente o peso que terán as políticas de solo empresarial nos orzamentos reservados polo seu departamento á capital galega.

 

Acompañada polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, a conselleira adiantou que a Xunta ten reservados 0,5 millóns de euros para impulsar o crecemento da Sionlla, “un caso para estudiar”, segundo dixo, xa que nos últimos anos este parque —no que a Xunta leva investidos 77 millóns de euros e xa adxudicou máis de 571.000 metros cadrados— experimentou un gran desenvolvemento e segue espertando o interese das empresas.

 

En concreto, os fondos previstos para 2023 destinaranse aos traballos técnicos necesarios para ampliar en 400.000 m2 o polígono actual, traballos dos cales xa están contratados e en execución o estudo previo das conexións exteriores e a valoración dos bens e dereitos que será necesario adquirir para executar a ampliación.

 

Así mesmo, a partida máis importante que destinará a Consellería á capital galega ten como fin incrementar e consolidar o seu actual parque público residencial, en resposta ás necesidades que presenta a cidade neste eido. Ao respecto, Ángeles Vázquez subliñou que se destinarán 3 millóns de euros a rematar as obras das 24 vivendas de promoción pública (VPP) iniciadas este ano no barrio do Castiñeiriño e a impulsar a construción doutras 36 VPP en Lamas de Abade, un orzamento ao que se sumarán outros 100.000 euros para mantemento das vivendas protexidas xa existentes na cidade.

 

Bonificacións á compra de solo

Tras cifrar en 289,5 millóns de euros o orzamento do seu departamento para o vindeiro exercicio —o que supón un incremento do 10% con respecto ao de 2022—, a conselleira incidiu na importancia que ten o tecido empresarial para Galicia porque “non hai mellor política social que o traballo de calidade”. “E para iso precisamos industrias e as industrias precisan solo”, engadiu.

 

Así, enmarcou o esforzo orzamentario que fará o seu departamento, un ano máis, no eido das políticas de solo empresarial, un capítulo que contará o próximo ano con preto de 35,4 millóns de euros para favorecer tanto a implantación de novas empresas na Comunidade, como a expansión das xa asentadas.

 

En concreto, a conselleira cifrou en 7 millóns de euros a partida destinada o próximo ano a manter as bonificacións que ofrece a Xunta desde 2015 ás empresas que adquiren solo empresarial nos parques xestionados polo IGVS e a empresa pública Xestur.

 

No caso concreto da Sionlla, precisou que estes incentivos son do 30% sobre o prezo de venda inicial e cifrou en 12,5 millóns de euros o aforro que supuxeron ata o momento para as empresas que se asentaron nel nos últimos anos.

 

Neste sentido, cómpre lembrar que no polígono compostelán quedan dispoñibles a día de hoxe unha vintena de parcelas cunha superficie de 87.000 m2 e tendo en conta que só en 2022 se adxudicaron 10, é necesario planificar xa a súa ampliación ante a previsión de que o solo dispoñible na Sionlla se esgote nos próximos dous anos.

 

Imaxes relacionadas