A Xunta investirá en 2023 máis de 44M€ no fomento do deporte e en apoio ás entidades deportivas e aos deportistas da comunidade

Unha contía importante do orzamento da Vicepresidencia Segunda en actuacións neste eido destínase á creación ou mellora das infraestruturas deportivas, con 18M€

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, anunciou estas cifras na presentación hoxe do novo contrato para a xestión dos complexos deportivos Elviña I, Sardiñeira e Agra I por parte da empresa Forus que entrou en vigor esta semana e co que se “salda unha débeda coa Coruña mellorando o servizo prestado á cidadanía”

O orzamento da Vicepresidencia Segunda medrará o próximo ano nun 12% ata superar os 342M€ co obxectivo de promover o deporte, contribuír a unha xustiza máis áxil e unha administración eficiente, atender as demandas das entidades locais, colaborar na atención das emerxencias, reforzar a cooperación ao desenvolvemento
 

A Coruña, 19 de outubro de 2022.-

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que a Vicepresidencia Segunda da Xunta contará con máis de 342 millóns de euros nos orzamentos de 2023, o que supón un 12% máis que o exercicio anterior e por riba da suba do 8,5% das contas autonómicas. Desta contía, 44 millóns corresponden ao fomento do deporte e da actividade deportiva, destacando os 18 millóns de euros destinados á creación e mellora das infraestruturas deportivas que permitan adestrar e competir en condicións axeitadas aos nosos deportistas.

Diego Calvo debullou as cifras das contas do seu departamento para 2023 na presentación hoxe do novo contrato de xestión dos complexos deportivos de Elviña I, Sardiñeira e Agra I, que entrou en vigor esta mesma semana e co que se “salda unha débeda coa cidade coruñesa e, en concreto, coas persoas que utilizan estes polideportivos e que merecen facelo nas mellores condicións posibles”.

Deste xeito, a empresa adxudicataria Forus Deporte y Ocio S.L. encargarase da xestión destas instalacións por 25 anos, o que supón un valor estimado de 95 millóns. O novo contrato suporá a subrogación dos máis de 70 traballadores destes centros e un investimento por parte da empresa de 5,5 millóns de euros en obras nos 3 edificios co obxectivo de dar un servizo de calidade aos seus 15.000 socios.

O novo contrato permitirá -segundo apuntou o vicepresidente segundo- máis e mellores actuacións sobre os 42.000 metros que suman as tres instalacións da Fundación Deporte Galego e que forman un conxunto esencial para o deporte coruñés e galego con piscinas cubertas e spa, pavillóns polideportivos, diferentes salas polivalentes, campos de fútbol e pistas cubertas de pádel. Ao acto tamén acudiu o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e o presidente da empresa, Ignacio Triana.

Por outra banda, tamén puxo en valor o investimento da Xunta nas instalacións deportivas da cidade coruñesa con outras reformas previstas nos pavillóns deportivos de Monte Alto, Monte das Moas, Elviña II e Agra II. De feito, nos orzamentos do próximo ano reservase 1 millón de euros para avanzar nas actuacións nos centros de Elviña II e Monte das Moas.

Canto as actuacións previstas nas contas do ano que vén en materia de Deportes, xunto cos 18 millóns de euros para infraestruturas deportivas como as da Coruña ou nos centros de alto nivel como o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, Diego Calvo destacou tamén o apoio que se prestará ao tecido deportivo galego. En concreto 6,8 millóns nas liñas de axudas anuais destinadas ás federacións deportivas e aos clubs da comunidade. Ademais, a Vicepresidencia Segunda, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, apoiará aos deportistas galegos con medidas como a Oficina de Atención ao Deportista co obxectivo de asesoralos tanto durante como despois de rematar a súa carreira deportiva.

Por outra banda, co obxectivo de seguir a fomentar a práctica da actividade física entre a poboación galega, darase continuidade ao Plan Galicia Saudable o próximo ano con 1,2 millóns de euros e canto á promoción do deporte no ámbito educativo destacan programas como Xogade e o pago da póliza de seguro aos seus participantes, que suporá 4,3 millóns de euros ata 2024.

Actuacións en xustiza e en apoio aos concellos

Os orzamentos para 2023 da Vicepresidencia Segunda, ademais dos investimentos previstos en materia de deportes contan con 164 millóns de euros cos que contribuír a unha xustiza máis eficiente, con novas infraestruturas como o novo edificio xudicial da Estrada e a nova sede do Instituto de Medicina Legal (Imelga) en Santiago de Compostela, nos que se avanzará o próximo ano cunha dotación de 6,3 millóns de euros. Seguirase tamén coa modernización da Administración da Xustiza ata completar a instalación das salas de vistas íntegramente dixitais en todos os xulgados galegos. Tamén se crearán 24 novas prazas de funcionarios para poñer en funcionamento os tres novos xulgados que lle corresponden á comunidade e destinarase 1 millón de euros ao expurgo de documentación dixital.

Co obxectivo de atender as demandas das entidades locais reservaranse máis de 20 millóns de euros. Entre as medidas previstas destacan a convocatoria de novas ordes de axudas do Fondo de Compensación Ambiental, da Orde de Infraestruturas de uso público e das subvencións a entidades veciñais. Ademais, crearase unha nova liña de axudas a concellos destinada ao financiamento de actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais, que contará cunha dotación de 2,6 millóns de euros.

Do mesmo xeito, en materia de emerxencias a Xunta, pese a tratarse dunha competencia de carácter local, destinará a esta área 29 millóns de euros e manterá o seu compromiso co reforzo do equipamento dos servizos de emerxencias dos concellos, con 1 millón de euros en 2023 que se sumarán aos 24 millóns investidos nos últimos anos. O Goberno galego colabora nos gastos de funcionamento destes servizos coa renovación dos convenios coas deputacións e a FEGAMP no caso dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), con máis de 10 millóns de euros reservados ao mantemento dos Consorcios provinciais de bombeiros 340.000 euros na convocatoria anual para sufragar estes gasto nas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. Nesta liña, tamén se reservan fondos para a parte que lle corresponde á Xunta asumir no marco do acordo co Concello de Santiago e a Deputación provincial da Coruña na comarcalización do parque de bombeiros de Santiago.

Acción exterior e actuacións nos edificios administrativos

Por outra banda, no que se refire á acción exterior da Xunta, o Plan Anual da Cooperación Galega terá un orzamento de case 9 millóns de euros, o que supón un incremento de case o 14% respecto ao ano pasado. Esta partida enmarcase nos máis de 11 millóns en iniciativas relacionadas coa acción exterior.  

Ademais, nas melloras previstas nos edificios administrativos da Xunta destinaranse 3,1 millóns de euros a dar continuidade ás obras de eficiencia enerxética das delegacións da Xunta en Ferrol e na Coruña -ambas cofinanciadas con fondos FEDER- e 2 millóns cos que dar inicio á nova delegación territorial da Xunta en Ourense, que suporá un investimento total de 24 millóns. Resérvanse outros 3 millóns para a rehabilitación do edificio dos xulgados na rúa Lalín de Vigo que será destinado a usos sociais unha vez finalizado o traslado á Cidade da Xustiza.

 

Imaxes relacionadas