A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático asistiu hoxe á inauguración do 12º congreso internacional da Asociación española de climatoloxía

A Xunta subliña o papel de referencia de Meteogalicia no eido da información e dos servizos meteorolóxicos

Sagrario Pérez destaca que o Goberno galego leva décadas apostando e investindo nesta materia, un compromiso que se plasmou na aprobación en 2019 da Estratexia galega de cambio climático e enerxía e no impulso este ano da Alianza galega polo clima

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022.-

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, subliñou hoxe o papel de referencia que ocupa MeteoGalicia a nivel nacional e europeo no eido da información meteorolóxica e do desenvolvemento de novos servizos e produtos para os cidadáns.

 

Durante a inauguración do 12º congreso internacional da Asociación española de climatoloxía (AEC), que se celebra en Santiago e na que participou en representación da Xunta, a directora xeral lembrou que o Goberno galego “leva décadas” apostando e investindo nesta disciplina, unha aposta na que enmarcou precisamente o nacemento da axencia meteorolóxica galega, hai xa 22 anos.

 

Este compromiso do Executivo autonómico co clima e os seus posibles escenarios a futuro, salientou, traduciuse nos últimos anos en fitos importantes para a Comunidade como a aprobación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, unha “ferramenta pioneira” deseñada para acadar unha Galicia “climaticamente neutra, verde e resiliente”, na recente posta en marcha da Alianza galega polo clima, concibida como punto de encontro para empresas, organizacións profesionais, entidades ambientais e administracións comprometidas co cambio climático, ou a futura Lei do clima de Galicia.

 

Cómpre subliñar que a Xunta colabora este ano coa AEC na organización do seu congreso climatolóxico, que durante os vindeiros tres días reunirá na capital galega a expertos na materia de todo o mundo para intercambiar datos, coñecementos e experiencias baixo o lema Cambio climático: impactos, mitigación e adaptación.

 

De feito, membros do equipo de MeteoGalicia participarán como ponentes no evento e darán a coñecer ante outros profesionais da meteoroloxía e do clima os últimos traballos e avances logrados por parte do organismo autonómico, como os servizos de alerta temperá ante vagas de calor ou o cálculo do Índice de risco de incendios forestais.

Imaxes relacionadas