A Xunta convoca para novembro e decembro os propietarios dos terreos necesarios para executar a 1ª fase de humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo

Esta intervención na estrada PO-323 suporá un investimento de arredor de 2,5 M€ e ten como obxectivo fomentar a mobilidade sostible nesta vía de entrada á cidade, a través de actuacións de acougado do tráfico rodado e mellora dos itinerarios peonís
 

Actuarase nun treito de 500 metros entre a intersección da estrada autonómica coa avenida da Mariña Española e o Instituto de Teis, no que se ampliarán as beirarrúas e se mellorará a accesibilidade
 

A intervención incluirá a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués
 

A Consellería de Infraestruturas licitará as obras no último trimestre deste ano, co obxectivo de comezalas na primavera de 2023

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os meses de novembro e de decembro, dos actos expropiatorios para executar as obras da primeira fase do proxecto de humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo.

 

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 15 de novembro, das 10:00 ás 12:30 horas, na casa do Concello de Vigo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 15 de decembro, no mesmo lugar e á mesma hora. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/cLkdeu

 

Esta actuación na estrada autonómica PO-323 ten como obxectivo o fomento da mobilidade sostible nesta vía de entrada á cidade, a través de actuacións de acougado do tráfico rodado e mellora dos itinerarios peonís existentes. Suporá un investimento da Xunta de arredor de 2,5 M€.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar as obras no último trimestre deste ano, co obxectivo de comezar os traballos na primavera de 2023. A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.

 

Esta nova intervención da Xunta céntrase no treito comprendido entre o cruce da estrada autonómica coa avenida Mariña Española e o IES de Teis, que acada un tramo duns 500 metros da estrada PO-323, no que se definen as medidas de calmado de tráfico e de protección de peóns neste viario de características moi urbanas.

 

Esta 1ª fase do proxecto de reforma deste tramo da vía autonómica ten en conta puntos singulares como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA. O deseño definido polo departamento de Infraestruturas da Xunta busca, ademais, coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar na antiga ETEA.

 

Máis en detalle, esta obra da Xunta PO-323 comprende a mellora e ampliación das beirarrúas en ambas as marxes do treito de actuación, de modo que sexan máis continuas e accesibles, así como a execución dunha glorieta na intersección entre a avenida de Galicia (PO-323) e a avenida da Mariña Española, pola que se accede á ETEA.

 

As obras incluirán a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués.

 

Tras a análise das achegas recibidas a nova zona de aparcadoiro situarase na parcela contigua ao IES de Teis, ao non ser viable a ubicación inicialmente prevista enfronte do centro de saúde, e manteranse as prazas de aparcadoiro actuais, na avenida de Galicia, entre os números 104-120 e nos números 67-69, que inicialmente se suprimían.

 

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé finalizar a actuación cunha segunda fase que complete a mellora da estrada no termo municipal de Vigo, ata o límite municipal con Redondela, e cuxo proxecto xa se está preparando para ser sometido a información pública neste outono.

 
O Goberno galego continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.

Imaxes relacionadas