A Xunta destaca as posibilidades que ofrecen os fondos europeos para transformar a industria sanitaria a través da ciencia e a innovación

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa na xornada ‘A medicina do futuro; personalizada e de precisión’, onde pon en valor a oficina técnica posta en marcha co Clúster da Saúde para facilitar o impulso e a captación de proxectos no ámbito sanitario, especialmente no marco do Perte da Saúde de Vangarda
 

Lembra que o Goberno galego activou a Business Factory Medicines “para reforzar a aposta por este sector e crear a base para que novas iniciativas enraícen na industria de descubrimento de fármacos en Galicia”
 

Salienta que a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) ten entre os seus obxectivos situar a Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable
 

O encontro celebrouse no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu, nas cinco primeiras edicións, realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes, en presencial e en liña

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022 O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na inauguración da xornada ‘A medicina do futuro; personalizada e de precisión’, celebrada hoxe en Santiago, onde puxo en valor as posibilidades que ofrecen os fondos europeos para transformar o sector sanitario a través da ciencia e a innovación.

 

Neste marco, Guldrís lembrou que a Xunta activou, xunto ao Clúster da Saúde, unha oficina técnica que busca facilitar o impulso e captación de proxectos no ámbito sanitario, especialmente no ámbito do Perte de Saúde de Vangarda.

 

“Trátase de promover a mellora da produtividade, a competitividade e a internacionalización do sector da industria sanitaria galega mediante a posta en marcha de diferentes proxectos coa participación do máximo número posible de pemes e grandes empresas do sector”, afondou o director do Igape.

 

Así, expuxo, esta oficina servirá de observatorio dos programas de axudas que se convoquen, especialmente no que se refire ao Perte da Saúde; definirá os retos máis importantes e as capacidades do sistema galego para dar cumprida resposta; identificará as oportunidades definindo os proxectos tractores e singulares compatibles cos diferentes programas e liñas; prestará asistencia e soporte ás empresas e entidades na preparación, tramitación e presentación de propostas de interese; apoiará a súa tramitación técnica e administrativa; e fará un seguimento e avaliación dos proxectos levados a cabo.

 

“Galicia ten o potencial para situarse como una rexión líder no ámbito da saúde”, incidiu Guldrís, destacando que este é un dos retos definidos na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que conta entre as súas metas a de situar á Comunidade á cabeza do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable.

 

Neste marco, o director do Igape lembrou tamén que o Goberno galego ten en marcha a Business Factory Medicines “para reforzar a aposta por este sector e crear a base para que novas iniciativas enraícen na industria de descubrimento de fármacos en Galicia”.

 

Xornada Capacita Directivos

O encontro de hoxe prodúcese no marco do programa Capacita Directivos, que inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, ten permitido nas súas cinco primeiras edicións realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes, xa fose en presencial ou en liña.

Imaxes relacionadas