Publicado en edición facsimilar o Plan pedagóxico de Vicente Risco co gallo do seu centenario
Confeccionado polo intelectual ourensán, este plan buscaba reformar de forma profunda o modelo escolar galego de principios do século XX
O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación do exemplar conmemorativo elaborado pola Fundación Vicente Risco
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira, presentaron esta mañá a edición facsimilar conmemorativa do centenario do Plan pedagóxico para a galeguización das escolas, elaborado por Vicente Risco co obxectivo de crear unha guía docente que permitise galeguizar e modernizar o modelo escolar de principios do século XX.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que este plan “redactado por Risco, pero que foi un plan de todo o galeguismo, tocaba diferentes aspectos pedagóxicos e do funcionamento escolar”. Así mesmo, destacou o capítulo referido á introdución do galego no ensino “como obxecto de aprendizaxe e como lingua vehicular que diminuíse o fracaso escolar do alumnado rural”.
No acto de presentación, que tivo lugar precisamente no Museo Pedagóxico de Galicia, tamén estivo presente Xosé Fernández Fernández, autor da introdución incluída na versión facsimilar.