A Xunta concede 1,72 M€ en préstamos sen xuros aos concellos de Ares, Cabana de Bergantiños, Noia, Porto do Son e Ribeira para actuacións de rehabilitación

A través deste fondo de cooperación que naceu hai seis anos, o Goberno galego leva concedidos préstamos por importe de máis de 11M€ a un total de 23 concellos
 

O obxectivo é adquirir e restaurar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou cos alcaldes de Ares, Cabana de Bergantiños, Noia, Porto do Son e Ribeira os convenios polos que concede 1,72 millóns de euros para actuacións nestes territorios, ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

 

Segundo lembrou a conselleira no acto de sinatura destes convenios, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, son préstamos sen xuros que deberán ser reintegrados polos municipios nun prazo de 8 anos.

 

E engadiu que o obxectivo destes fondos é, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio. O Goberno galego incide así no seu compromiso de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que poidan dispor dunha vivenda digna e axeitada.

 

Deste xeito, o Concello de Porto do Son disporá de máis de 500.000 euros para rehabilitar a Casa de Ríos; Ares contará con preto de 21.500 € para acondicionar o edificio de locais de ensaio de Lubre; Noia obterá 350.000 € para restaurar a fábrica de curtidos da Chaínza, e Cabana de Bergantiños recibirá preto de 150.000 € para a reitoral de Cesullas.

 

No caso de Ribeira, o Concello disporá de preto de 700.000 euros para dúas actuacións que permitirán a reordenación de dous espazos públicos na avenida Romero Ortiz e na DP-7305-Carreira.

 

Estes convenios, sumados aos asinados o pasado mes de setembro cos concellos de Curtis, A Pontenova, Dozón e Ponteareas por 1,2 millóns de euros, implican unha mobilización de 2,92 millóns de euros na oferta de 2022, unha convocatoria no marco da cal a Xunta está a analizar unha vintena de propostas presentadas por 14 concellos.

 

Cómpre lembrar que, a través deste fondo de cooperación para a rehabilitación que naceu hai seis anos, concedéronse, ata o ano pasado, préstamos por importe de máis de 11,3 millóns de euros a un total de 23 concellos. Finánciase con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.

 
Ademais, a través deste instrumento de financiamento, a Xunta contribúe a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios dos inmobles desatendan as súas obrigas dado que a normativa vixente permite aos municipios actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas.

Imaxes relacionadas